Sanidade incrementará o número máximo de persoas que se poden reunir

Terrazas na cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A reunión entre representantes da Xunta e do comité clínico prevista para esta cuarta feira analizará novos pasos na desescalada das medidas para frear o virus, dado o avance da vacinación e a boa evolución epidemiolóxica. Os cambios para o lecer ao aire libre centrarán a conversa, polo que tamén podería fornecerse unha data para dicir un adeus parcial ás máscaras.

As e os expertos do Comité Clínico que asesora á Xunta sobre a evolución da pandemia volverá sentar mañá con representantes da Consellaría de Sanidade para buscar un acordo que finalice cunha serie de medidas que vaian máis aló na desescalada das restricións pola Covid-19.

Polo que foi transcendendo até o de agora, é moi probábel que se estabelezan outros números límite nas reunións, que actualmente están en seis persoas en exteriores e catro en interiores.

Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o feito de que xa se poida avaliar un ciclo de 14 días -onde se detecta se houbo máis ou menos contaxios- desde que decaeu o estado de alarma, fai que o “balance sexa positivo”.

"Xa temos por tanto un período epidemiolóxico completo e avaliaremos a ampliación de grupos tanto en interior como en exterior", incidiu. Para o responsábel de Sanidade, Julio García Comesaña, é preciso lembrar que a cifra “se fixou nun momento complicado”.

En consecuencia, considérase oportuno dar “novos pasos” na recuperación dunha certa normalidade aínda que o virus non desaparecera. Feixoo confirmou hoxe mesmo que “estarán encima da mesa os protocolos do lecer ao aire libre”.

Neste sentido, o cambio máis apoiado será o incremento da asistencia ás reunións. Ademais da “posibilidade de ampliar os grupos”, dixo nun acto en Pontevedra que a idea e rebaixar outras limitacións aínda vixentes.

Dado que a semana pasada aludía á retirada da máscara en espazos exteriores nos que haxa distancias de seguridade, é probábel que esta sexa outra das prohibicións a avaliar mais non se cre que a decisión definitiva estea mañá. Polo tanto, parece que poderán saír propostas novas e matices ás xa existentes.