O comité clínico estuda relaxar os límites ás reunións en interiores e exteriores

Persoas na terraza dun bar de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O presidente da Xunta avanzaba este domingo que a cuestión será estudada na próxima reunión

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia da Covid-19 volverase  reunir a comezos de semana e avaliará relaxar as medidas que afectan as reunións, que na actualidade están restrinxidas a seis persoas en espazos exteriores e a catro en interiores.

Así o avanzou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixóo, nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser. O mandatario confirmou que esta cuestión estará encima da mesa do comité clínico unha vez os expertos avalíen os datos epidemiolóxicos desde a caída do estado de alarma e a apertura dos restaurantes até a 1,00 da madrugada a fin de semana do 7 ao 9 de maio.

Ademais, Feixóo abordou a hipótese de relaxar o uso da máscara en espazos ao aire libre, unha cuestión que xa "forma parte do debate nacional" porque se debe ir "valorando con prudencia e con proporcionalidade á situación epidemiolóxica de cada comunidade".

"Neste momento pensamos que no mes de xullo sería razoable, como moito en mes de agosto, en función da situación epidemiolóxica e do incremento da vacina", recalcou, aínda que seguidamente dixo que "pode ser un pouco antes se as vacinas chegan con maior intensidade".

En calquera caso, lembrou que a obrigatoriedade da máscara "está regulada por lei" a nivel estatal, polo que se necesitaría "autorización do Goberno central".

Neste sentido, Feixóo propuxo que ou ben se retire para todo o Estado español de maneira homoxénea ou ben "en función dos criterios epidemiolóxicos de cada comité clínico de cada territorio", a opción que lle parece "máis sensata".