Sanidade pide medidas mensuais de arsénico nas augas de Ramirás

O pasado ano o Concello de Ramirás mercou depósitos de auga para diluír a cantidade de arsénico na rede (Imaxe: CRTVG).
Un informe do servizo de inspección do mes de xuño lembra ao Concello a súa obriga de informar dos niveis deste composto tóxico, que se concentra en dosis non aptas para o consumo nos meses de seca.

Logo dunha inspección realizada con data do 11 de xuño, a Consellaría de Sanidade esixiu ao Concello de Ramirás a entrega dos niveis de arsénico detectados na rede de abastecemento de auga cunha frecuencia mínima mensual. Desde hai cinco anos neste municipio rexístranse elevados niveis deste composto tóxico nas augas coincidindo co período de seca.

O servizo de Inspección advertiu da obriga de achegar estes datos logo dos "reiterados incumprimentos" deste valor paramétrico "ao longo do tempo". E lembrou a obriga de "incluílos como parámetros adicionais en todas as análises de control" que se realicen xunto cos do ferro, que tampouco se inclúen nos informes.

Na xornada de onte, o concelleiro polo Bloque Nacionalista Galego no municipio, Marcos Meléndez, acusou á Administración local de ocultar unhas análises do 25 de xullo que revelan niveis de arsénico por enriba dos permitidos no depósito de agua de Pereira, na parroquia de Paizás. Un punto de recollida que abastece á veciñanza da propia parroquia de Paizás e mais as de Freás, Mosteiro e Vilameá. A alcaldesa da localidade, a socialista Isabel Gil, asegurou a este medio que a auga que se distribúe "é apta para o consumo".

Gil salientou que o do arsénico é un problema complexo para o que o Goberno municipal está a estudar propostas, ao tempo que se analiza a rede de abastecemento. Mais desde o BNG salientan que o informe da inspección de Sanidade do mes de xuño sinala que os protocolos do servizo non inclúen un "subministro alternativo ante situacións de risco sanitario en relación á calidade de auga do consumo humano".

Como nos anteriores veráns, a Administración local abasteceuse de depósitos de auga que serven para diluír as concentracións de arsénico na rede. En xullo, Sanidade rexeitou concesión dunha prórroga para achegar os datos reclamados, que demandou nun prazo máximo de quince días.