O BNG de Ramirás denuncia polución por arsénico na auga e a alcaldesa garante que é apta para o consumo

Balsa na que o Concello de Ramirás capta auga e que emprega a minicentral (Imaxe: CRTVG)
O problema dos niveis de arsénico na rede de abastecemento do municipio vén de vello. Segundo o concelleiro nacionalista da localidade, Marcos Meléndez, a Administración local tería ocultado unhas analíticas realizadas no mes de xullo nas que se detectan niveis deste tóxico por enriba dos permitidos.

Nos meses máis secos, o arsénico concéntrase nas augas do concello de Ramirás. Unha problemática que o municipio arrastra desde que nunha medición puntual, hai cinco anos, foron detectados niveis por enriba dos límites aptos para o consumo humano. E que ten enfrontado ás tres forzas políticas que compoñen o arco municipal, PSdeG, PPdeG e BNG.

O concelleiro do BNG na localidade, Marcos Meléndez, asegura en declaracións a Nós Diario que desde o Concello ocultaron datos dunhas analíticas realizadas o día 25 de xuño e analizadas no Laboratorio do Colexio de Farmacéuticos de Ourense. Nelas obsérvanse niveis de arsénico no pozo do Concello de 10,1 e 14,1 microgramos por litro, cando o límite fixado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é de 10 microgramos.

Meléndez Alonso explica que solicitou acceder ao expediente da xestión de augas deste ano  tras ter coñecemento da factura da analítica, abonada pola Administración local. Entre a documentación, di, non atopou os resultados desas análises, polo que no pleno do 30 de xullo esixiu unha copia do expediente completo.

Garanto que a auga que subministramos á veciñanza ten os parámetros correctos, asegura Isabel Gil

A actual alcaldesa da localidade, a socialista Isabel Gil, confirma a este medio os niveis revelados nas analíticas. "Detectámolos nunha billa en concreto e comezamos a facer estudos da rede de subministro e da Estación de Tratamento de Auga Potábel, mais garanto que a auga que subministramos á veciñanza ten os parámetros correctos", matiza.

A rexedora sinala que nos meses do verán os mananciais que mellor resisten a seca son os que maiores niveis de arsénico concentran. "Ademais, temos o problema da captación no río Tuño, onde hai unha minicentral hidroeléctrica. No verán tamén diminúe o nivel da auga e aumentan os niveis de arsénico", engade.

Segundo Meléndez Alonso, durante a revisión dos expedientes nas oficinas do Concello puido comprobar a existencia dun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e con data do 13 de xullo, sinala que nove dos dez puntos de control do río Tuño presentaban niveis superiores aos recomendados.

Tamén doutro da concesionaria das presas do río Tuño, Aprovechamientos Hidráulicos Gallegos S. A., que recoñece concentracións de arsénico "próximas aos límites legais para augas de abastecemento". Nel, a compañía descarta que "os aproveitamentos hidroeléctricos sexan a causa destes niveis de arsénico na auga". Unha causalidade que si defende a alcaldesa de Ramirás.

Isabel Gil advirte que a problemática do arsénico na localidade "é moi complexa" que desde o Goberno local están a estudar diferentes solucións, mentres Meléndez Alonso asegura que non coñece ningunha proposta "a longo prazo".

Desde 2019 a alcaldesa non fixo anda, lamenta Marcos Meléndez

O concelleiro nacionalista reprocha á rexedora que a problemática da contaminación por arsénico centrou a súa campaña electoral nos comicios municipais de 2019. "Mais desde aquela non fixo nada", lamenta. Pola súa banda, Gil manifesta que por mor da pandemia e dos meses de confinamento "poucas cuestións puidemos arranxar".

En tanto, o Concello volveu mercar depósitos de auga potábel. Unha solución para diluír a concentración de arsénico na rede de abastecemento que xa foi aplicada nos meses estivais de anos pasados.