A varíola na Galiza

Sanidade notifica o primeiro caso sospeitoso de varíola do mono na Galiza

A varíola do mono é máis frecuente en crianzas. (Foto: Kaspars Grinvalds)
Trátase dunha persoa que non foi hospitalizada e que presenta un cadro clínico compatíbel con esta doenza. No Estado español, á cabeza de Europa, confirmáronse unha trintena de positivos.

A Consellaría de Sanidade vén de informar de que se detectou o primeiro caso sospeitoso da coñecida como varíola do mono, cuxa mostra tomada por proba PCR será analizada polo Instituto de Saúde Carlos III.

A través dun comunicado, a Consellaría explica que se trata dunha persona que "non está hospitalizada" e que presenta un cadro clínico compatíbel coa definición distribuída pola dirección xeral de Saúde Pública, á espera de recibir o protocolo definitivo do Ministerio de Sanidade.

Precisamente, o departamento que dirixe Julio García Comesaña vén de activar un protocolo para que todos os profesionais sanitarios da Galiza teñan "claros os criterios" para identificar posibles casos das variola do mono.

O caso sospeitoso detectado esta sexta feira e xa foi remitido ao Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias do Goberno estatal.

Desde que se recibiu a alerta internacional, na tarde da terza feira, a Galiza está vixiante para poder identificar e confirmar, por medio da proba PCR, os posibles casos sospeitosos que se detecten.

Guía para os sanitarios

Así, remitiuse aos centros asistenciais galegos, como os servizos de urxencias, o 061 e os centros de atención primaria un primeiro protocolo elaborado por Saúde Pública, para que calquera sanitario poida coñecer os criterios para incluír un caso nesta alerta sanitaria, como o propio conselleiro confirmou, en declaracións aos medios, en Muíños.

"Evidentemente, á vista da situación que se está producindo en Madrid con eses casos confirmados e ese alto número de casos sospeitosos, estamos alerta para canto antes aquí algún caso entre nesa definición poder canto antes identificalo, confirmalo, que é unha cuestión tamén importante a confirmación mediante PCR e remitindo as probas ao Instituto Carlos III", afirmou.