"A sanidade e nós merecemos respecto": Satse non descarta a folga do persoal de enfermaría

Concentración de Satse esta cuarta feira ante o Congreso. (Foto: Nós Diario)
Segundo Satse, máis de 1.500 enfermeiros e enfermeiras, procedentes de todo o Estado español, acudiron para alzar a voz contra a "traizón" e "frustración" que senten polo "bloqueo" da Lei de Seguridade do Paciente.

Enfermeiras e enfermeiros galegos concentráronse esta terza feira ante o Congreso, xunto con compañeiros de profesión de todo o Estado español, para denunciar a "traizón" política da non tramitación da Lei de Seguridade do Paciente.

Na concentración, convocada polo Sindicato de Enfermaría (Satse), os profesionais sanitarios exixiron que se atendan "xa" as demandas sobre a aprobación desta lei, cuxo debate foi prorrogado no Congreso en máis de 50 ocasións. 

"O noso sistema sanitario, os nosos profesionais e a sociedade merecen un respecto que os deputados do Congreso, salvo honrosas excepcións, non acreditaron", asegurou o presidente de Satse, Manuel Cascos.

En declaracións aos medios, Manuel Cascos apuntou que os intereses partidistas e políticos dos partidos son os que se atopan tras este "bloqueo", e sinalou directamente ao Partido Socialista (PSOE) como partido responsábel da non tramitación após dous anos e cinco meses.

Reunión co PSOE

Precisamente, o presidente do sindicato adiantou que manterá esta cuarta feira unha xuntanza con representantes socialistas para tratar de pór fin á situación.

"Non sei se seguirán mantendo a súa postura ou se reflexionaron, o cal sería de agradecer porque os primeiros beneficiados serían os pacientes", subliñou.

Ademais, Cascos asegurou que, de non haber un cambio na postura do PSOE, a folga do persoal de enfermaría é "unha posibilidade real".

"Iso non significa que a convoquemos mañá, mais todo dependerá da evolución e dos acontecementos que ocorran no Congreso", engadiu.

1.500 enfermeiras e enfermeiros concentrados

Segundo o sindicato, máis de 1.500 enfermeiros e enfermeiras, procedentes de todo o Estado español, acudiron para alzar a voz contra a "traizón" e "frustración" que senten.

Durante a protesta, escoitáronse cánticos como "logo diredes, que somos cinco ou seis"; "con aplaudir non é suficiente, hai que apoiar a lei do paciente"; "fai falta xa unha folga, unha folga, fai falta xa unha folga en Sanidade".

A portavoz de Satse na protesta, María José García, afirmou en declaracións a Europa Press que este tipo de concentracións posúen o respaldo da sociedade, xa que contan con case 700.000 sinaturas da poboación como sinal de apoio. 

García lamentou que, coas ratios actuais, "existe 13% máis de probabilidades de ter efectos secundarios ou adversos e complicacións". "No Estado español cada enfermeira atende entre 20 e 25 pacientes por quenda; estamos a romper todas as recomendacións, tanto internacionais como estatais", concluíu.