Denuncian a falta dun "xusto recoñecemento retributivo" ao persoal de enfermaría

"As administracións públicas seguen a dar as costas ás súas enfermeiras e enfermeiros ao non recoñecerlles cunha mellora retributiva a súa incansable dedicación e compromiso, antes e durante a pandemia da Covid-19", censura o sindicato Satse.
Galiza conta cunhas 11.000 enfermeiras eventuais (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A Galiza conta cunhas 11.000 enfermeiras eventuais (Foto: Xunta da Galiza).

O sindicato de enfermaría Satse Galiza denuncia "a falta dun xusto recoñecemento retributivo ao esforzo, dedicación e compromiso das enfermeiras", mentres que os profesionais que traballan noutros países "duplican e mesmo triplican os seus salarios", algo que, subliña, "sucede tamén cos fisioterapeutas".

Así o informou Satse nun comunicado de prensa, difundido esta segunda feira, no que denunciou que as distintas administracións públicas "seguen a dar as costas ás súas enfermeiras e enfermeiros ao non recoñecerlles cunha mellora retributiva a súa incansable dedicación e compromiso, antes e durante a pandemia da Covid-19", algo que, reivindica, "si sucede en países da nosa contorna".

Satse critica que a "crecente sobrecarga e tensión asistencial" que as enfermeiras sofren "desde hai anos, e que aumentou moito máis durante a pandemia", veu acompañada de "compromisos baleiros por parte dos seus respectivos servizos de saúde", o que, sostén, "xeroulles un sentimento de decepción e frustración que deteriora loxicamente a súa fortaleza psicolóxica e emocional".

"Un claro exemplo é a falta dun xusto recoñecemento retributivo ao seu innegábel esforzo, dedicación e compromiso durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, ao seguiren percibindo un soldo base medio duns 1.200 ou 1.300 euros ao mes", denuncia este sindicato.

A respecto diso, sinala que se trata de profesionais que "sofren xornadas de traballo extenuantes, dobraxes de quendas, ausencia de descansos, mesmo nos días libres, contratos inestábeis e precarios e cambios permanentes de unidade e servizo nos hospitais, entre outras penosas condicións laborais".

Satse recalca que "estas difíciles condicións laborais distan moito das que teñen as enfermeiras e enfermeiros que desenvolven o seu labor asistencial e de coidados" en centros sanitarios e sociosanitarios de numerosos países e que propiciou que "milleiros de profesionais emigrasen nos últimos anos na procura dun traballo digno e estábel".

Por todo iso, desde o sindicato de enfermaría ínstase o conxunto de administracións públicas competentes a que "non sigan lanzando discursos grandilocuentes e ocos" e "realmente aposten por mellorar a sanidade e as condicións das enfermeiras e enfermeiros, propiciando, entre outras melloras, un aumento das súas retribucións".

Así, Satse asegura que seguirá traballando "nas distintas mesas e órganos de negociación" para que se resolva con carácter inmediato "a grave situación laboral e profesional que sofren as enfermeiras e enfermeiros" e que, conclúe, "loxicamente repercute na atención e coidados" das persoas doentes.

Comentarios