Sanidade non desbota que "nunhas semanas" se elimine a máscara en exteriores, mais con "prudencia"

Rapazas con máscaras na praia das Salseiras (Laracha), nunha foto de arquivo. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, non desbota que, en vista do avance da campaña de vacinación na Galiza, "nunhas semanas" se poida eliminar a obrigatoriedade da máscara en espazos exteriores, aínda que "sempre desde a prudencia".

Así se pronunciou esta terza feira ao ser preguntado, tras asistir á Xunta Directiva do PPdeG en Santiago, sobre as palabras do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen esta segunda feira confirmaba que o Ministerio traballaba para eliminar o seu uso nos próximos meses.

Neste contexto, o conselleiro de  Sanidade lembrou que é un tema que "xa hai varios comités clínicos" que se analiza en Galiza, un órgano no que os expertos manifestaron "opinións en todos os sentidos". Con todo, segundo engadiu, non será durante o comité desta terza cando se volva abordar, senón "nos vindeiros".

Así,  Comesaña explicou que, tal e como está a avanzar a campaña de vacinación, "non é desbotábel, efectivamente, que nunhas semanas esa medida se tome, sempre desde a prudencia, sempre no ámbito dos exteriores".

"A vacinación, desde o punto de vista colectivo, é unha forma de controlar a transmisión", reafirmou o conselleiro, quen con todo apuntou que vai haber que "manter durante un tempo" a máscara en lugares de risco como os interiores.

Iso si, "en sitios moi pouco concorridos, como o campo e as zonas rurais, vai ser máis fácil eliminala". "Pero temos que ir con prudencia, paso a paso", concluíu.

Con todo, para retirar esta medida de protección habería que reformar a lexislación estatal.