Galiza prepárase para reducir o uso da máscara ao aire libre e en interiores ben ventilados

Un home camiña pola N-VI ao seu paso por Guitiriz durante o feche perimetral da localidade en febreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Prescindir do uso obrigatorio require baixa incidencia e alta inmunidade.

O uso xeneralizado da máscara durante a pandemia da Covid-19 constituíu unha barreira eficaz contra a propagación do coronavirus SARS-CoV-2. As dúbidas sobre as principais vías de transmisión do virus acompañaron  en todo momento o debate sobe a obrigatoriedade da máscara que se consolidou cando a comunidade experta confirmou a importancia dos aerosois, partículas diminutas que flotan no aire durante unhas poucas horas con capacidade para infectar a quen entra en contacto con elas.

A transmisión por aerosois puxo o foco nos lugares interiores, ateigados e mal ventilados aos que as autoridades sanitarias seguen vinculando o uso indispensábel da máscara. Porén, ao igual que xa ocorreu noutros territorios onde combinaron máis axiña unha situación epidemiolóxica favorábel cunha alta porcentaxe de poboación vacinada, na Galiza e noutros territorios do Estado comeza a albiscarse a posibilidade de prescindir deste elemento de protección en espazos abertos, cando se dean as condicións adecuadas".

O presidente da Xunta avanzou que "o lóxico é que a máscara vaia caendo a partir do mes de xullo ou agosto" sempre que se dean unhas circunstancias favorábeis "ao aire libre". Na mesma liña expresouse o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen afirmou que "en non moitos días" se poida reducir o uso da máscara, conforme mellore a evolución epidemiolóxica e creza a poboación inmunizada.

Decisiva fronte á pandemia

Para o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Gestal, se a evolución epidemiolóxica actual da Galiza se mantén, é posíbel que chegado o verán deixemos de usar a máscara "nas praias e nas rúas onde non haxa concentracións importantes de persoas".

Para poder prescindir da máscara, aclara, deben darse dúas circunstancias: "que a incidencia da enfermidade sexa baixa e estea diminuíndo con certa velocidade e que as coberturas de vacinación sexan xa importantes e estean medrando a bo ritmo".

Neste sentido, Juan Gestal asegura que non hai estabelecidas unhas cifras que animen esa recomendación, mais "cunha incidencia acumulada a 14 días por baixo de 100 e cunha clara e rápida tendencia descendente mais cunhas coberturas de vacinación de 50-60% da poboación con polo menos unha dose e 30-40% coa pauta completa", podería empezar a planificarse un abandono paulatino no uso da máscara en determinados ambientes.

O experto en Saúde Pública apunta varios escenarios nas que se pode empezar a pensar na retirada da máscara: "en ambientes exteriores e en ambientes interiores ben ventilados para colectivos específicos" como o das persoas completamente vacinadas cando se reúnan con outras tamén inmunizadas "ou con non vacinados membros dunha mesma burbulla, sempre e cando os vacinados non sexan persoas cun risco grande de sufrir unha Covid-19 grave no caso de se infectar". 

O uso da máscara foi decisivo fronte á pandemia mais tamén para evitar outros problemas de saúde da poboación que nestes meses deixaron de ser habituais, como a gripe ou as bronquiolites, "máis non é a solución definitiva por si mesma".

"O uso da máscara reduciu o número de reprodución básico"

"A máscara reten as pingas e, se está ben axustada, as exhalacións, dificultando que eliminemos o virus ao ambiente e contaxiemos aos demais. Mais tamén protexe as nosas mucosas nasais e bucais do contacto coas pingas que outros eliminen evitando que nos infectemos", explica Juan Gestal. "O uso colectivo da máscara reduciu o número básico de reprodución", mais debe acompañarse de distancia, hixiene, ventilación e límites de capacidade.