Sanidade nega "crise" na área de Pontevedra e O Salnés malia cesar o xerente pola presión dos sindicatos

Á esquerda, o novo responsábel da área de Pontevedra-O Salnés e ex xerente do Sergas, José Flores; á dereita, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Conchi Paz / Xunta)
As protestas do persoal intensificáronse o pasado mes por mor da saturación dos centros de saúde e hospitais da zona.

A chegada masiva de turistas unha vez principiado o verán, sumada á falta de efectivos nos centros de saúde por mor das vacantes por vacacións que non cubriu o Servizo Galego de Saúde (Sergas), propiciou a saturación do servizo de Atención Primaria en boa parte do país, cunha especial afección á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

As protestas do persoal médico intensificáronse nas últimas semanas ante o que consideraban unha situación "insostíbel" tanto nos ambulatorios como nas Urxencias dos hospitais, onde o pasado mes era frecuente achar padiolas amoreadas nos corredores e pacientes pendentes de ingreso pola grande afluencia de persoas que acudían a este servizo ao non ser atendidas nos centros de saúde.

Os sindicatos CESM, Prosagap, Omega, TSP e Co-Bas ameazaron coa folga o pasado 22 de xullo se o Goberno galego non os recibía con carácter de urxencia para abordar este "caos" e, entre outras medidas, destituír a xerencia da área, comandada por José Ramón Gómez, quen negou as reivindicacións do persoal médico alegando que se trataba de circunstancias puntuais e que nas Urxencias se estaban a atender as patoloxías "en tempo e forma axeitadas, en función da súa gravidade".

Esta terza feira as forzas sindicais reuníronse co xerente do Sergas, José Flores, para trasladar as súas demandas, e foi precisamente este alto cargo da Consellaría de Sanidade o designado para afrontar os problemas da área de Pontevedra-O Salnés.

Esta sexta feira o conselleiro, Julio García Comesaña, desbotou referirse ao conflito como "crise sanitaria", se ben recoñeceu que a situación actual é "especialmente crítica". "Os cambios non responden a ningunha crise sanitaria. Hai un proxecto moi importante en Pontevedra, o do Hospital de Montecelo, que agora Flores liderará e que Gómez —o ex xerente da área—impulsou", defendeu.

Julio García Comesaña volve culpar o Goberno estatal da falta de profesionais sanitarios

O máximo responsábel da sanidade galega aproveitou para culpar á "falta de especialistas" do que está a acontecer na Atención Primaria da zona. "Afecta todo o sistema sanitario, pero aquí nótase máis", afirmou, ao tempo que asegurou que a Xunta destina "todos os medios" que lle permiten as súas competencias a "paliar" esas eivas na contratación. "Se alguén é responsábel é quen desde os últimos catro anos non fixo nada por frear esta falta de médicos. O responsábel último é o Ministerio de Sanidade", apuntou.

Esta mesma quinta feira, após anunciar o relevo, García Comesaña mantivo un encontro con alcaldes da área sanitaria para informar das medidas adoptadas a fin de "reverter" esta situación que, ao seu entender, non é unha "crise".

Os sindicatos que forzaron o cambio de rumbo da xerencia, pola súa parte, celebraron o cesamento de Gómez e a súa remuda por Flores: "Entendemos así que a nefasta situación da área foi recoñecida e asumida por fin polos máximos responsábeis do Sergas despois de tantos meses de reivindicacións". Porén, incidiron en que esta mudanza debe ir acompañada dun "plan funcional de emerxencia" que inclúa os "recursos materiais, económicos e, sobre todo, humanos que sexan suficientes para recuperar o cadro de persoal estábel e necesario para garantir unha mellora notábel tanto na Atención Primaria como na hospitalaria".

Polémica cos MIR nos centros de saúde

Por outra parte, o conselleiro saíu ao paso das críticas polo anuncio de que as e os residentes MIR de último ano fagan gardas nos puntos de atención continuada (PAC). "Non estarán sós en ningún momento", afirmou. Porén, acto seguido deixou a porta aberta a que isto aconteza: "Se o profesional ten que facer unha saída, o residente poderá acompañalo ou quedar no centro, como el decida".