Sanidade impón restricións en Silleda e Marín co obxectivo de frear os contaxios

Unha sanitaria prepara unhas probas da Covid-19 en Monforte. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O comité clínico tamén recomendou levantar as limitacións extra que foran marcadas en concellos da Costa da Morte. A evolución epidemiolóxica da área sanitaria da Coruña e Cee permite que Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe retomen as medidas da "nova normalidade" do resto da Galiza.

A reunón desta cuarta feira entre responsábeis da Consellaría de Sanidade e expertas e expertos do comité clínico asesor respecto á evolución e prevención da Covid-19 na Galiza rematou coa decisión de estabelecer novas restricións en Silleda e Marín.

Ao tempo que se optaba por reducir as limitacións en catro municipios da Costa da Morte, a opción de impoñelas tanto no concello de interior como na localidade costeira pareceu a mellor para tentar limitar os contaxios.

Após o encontro, no que tamén participaron Alberto Núñez Feixoo e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o titular do departamento de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que é preciso ampliar o perímetro de prohibicións na demarcación sanitaria de Pontevedra porque é a que presenta unha "peor evolución".

Silleda e Marín están influenciados polas altas taxas en Lalín e en Pontevedra, así como en Poio e Vilaboa.

No caso particular de Silleda, segundo o persoal experto, a incidencia a tres días é de 115,1 casos por 100.000 habitantes, mentres que en Marín é de 49,3, con 12 positivos nos últimos 3 días.

Entre as restricións estarán algunhas coñecidas pola poboación como reducir o número de participantes non convivintes nas reunións ou axustar a capacidade dalgúns negocios. Por exemplo, en lugares pechados se poderá ocupar o 50% do espazo e nas terrazas só o 75%.

Tamén pesarán estas medidas a maiores en eventos como festexos, cultos relixiosos e velorios. Coa suma dos dos novos municipios, son once as zonas controladas. Ademais de Marín e Silleda, están Lalín, A Guarda, Vilaboa, O Rosal, Poio, Compostela, Ourense, Lugo, Arrteixo e algúns barrios da Coruña.

Pola contra, debido á "tendencia estable" o comité recomendou levantar as restricións que pesaban sobre Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe.

Un sistema que funciona

Para García Comesaa "as restriccións funcionan" como pode amosar a melloría na Costa da Morte.  "Sempre é duro e complicado polas en marcha", subliñou, mais puntualizou: "En pouco tempo, os valores volven a límites de normalidade".

A nivel global, o responsábel de Sanidade foi relativamente optimista pois a incidencia acumulada a 14 días de 122 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 253 de media nacional. "De momento a situación está ben controlada", afimou sobre o nivel de demanda dos hospitais, algo que permite "estar tranquilos".

Na cita de traballo tamén se deu luz verde á chegada oficial ao país da aplicación Radar Covid, implantada polo Goberno do Estado español para detectar posíbeis contactos de risco.