Opinión

Seres sociais: vacinas e Radar Covid

Durante anos circulou unha idea sobre a hominización que implicaba unha disposición á violencia, é dicir que se os seres humanos tivemos máis éxito evolutivo que outros primates foi debido a nos converter en "monos asasinos". Unha noción enmarcada na ideoloxía patriarcal que impregnaba, e aínda impregna, todas as actividades humanas, entre elas a ciencia. Do mesmo modo que os estudos de medicina se facían unicamente con mostras de varóns, por consideralos a "norma", a interpretación androcéntrica de datos paleontolóxicos poñía a énfase na violencia. Hoxe en día considérase errada esta noción, dase máis importancia no proceso hominización á capacidade de cooperar e compartir, en palabras da primatóloga chilena Isabel Behncke Izquierdo, somos seres profundamente sociais. Ou, di Juan Luis Arsuaga, no canto de "monos asasinos" somos "monos –e monas, diría eu– hipersociais."

A pandemia da COVID 19 fornece unha oportunidade de valorar a cooperación sobre a competitividade neoliberal. Un exemplo é a app Radar COVID, que nos informa dos contactos ou proximidade –durante 15 minutos ou máis e a menos de dous metros– con persoas positivas ao coronavirus, noutras palabras do noso grao de exposición ao virus. A súa eficiencia en crebar a cadea de contaxios depende, por unha banda do volcado de datos de cada comunidade autónoma, o que non se completará até setembro; pola outra de que a meirande parte da poboación o descargue no seu móbil. A información, garante a administración, trátase de forma anónima. O protocolo que utiliza esta app foi desenvolvido pola enxeñeira galega Carmela Troncoso. Malia ter algún aspecto mellorábel, por exemplo seguimos reivindicando que estea dispoñíbel en galego, cómpre utilizala e difundila; en tanto non chega a vacina, é o mellor que temos.

Isto conduce á defensa das vacinas, esta e todas. Hai que dicilo claramente, o movemento anti-vacinas non ten fundamento ningún, ao non estar baseado en probas forma parte das pseudociencias. Grazas ás vacinas a humanidade conseguiu erradicar doenzas terríbeis como a varíola. Noutras enfermidades a existencia dun alto número de persoas vacinadas e xa que logo inmunes, dificulta o contaxio creando unha barreira que impide a transmisión. O funcionamento das vacinas é unha mostra máis do moito que conta a cooperación social. Cada unha, cada un de nós podemos contribuír a que este pesadelo da COVID dure menos e faga menos estragos.

Comentarios