A sanidade galega mobilizarase en apoio aos profesionais sanitarios en Palestina

Pacientes no Hospital de Al-Shifa, atacado e asaltado polos militares israelíes. (Foto: Saeed Jaras / Contacto via Europa Press)
Desde a CIG-Saúde condenan "as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina".

A CIG-Saúde chama ás traballadoras e traballadores da sanidade galega a dicir que o persoal da sanidade de Palestina non está só e a participar nas convocatorias de concentración das asociacións BDS Galiza, Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina.

Unha mobilización que terá lugar este sábado 23 ás 12 horas nas portas do Hospital Clínico Universitario de Compostela e do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo.

Nestes actos de protesta en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas e persoal sanitario darase lectura a un comunicado.

“Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas as persoas que tiñan que coidar e socorrer as vítimas do xenocidio contra o pobo palestino”, salientan desde a CIG-Saúde.

Aliás, condenan “as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina. Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia”.

250 ataques contra hospitais

“Segundo a OMS, Israel lanzou máis de 250 ataques contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania. Ademais, Tedros Adhanom Ghebreyesus, director da Organización Mundial da Saúde, afirmou a mediados de novembro que os corredores dos hospitais están abarrotados de feridos, enfermos ou moribundos; morgues ateigadas; operacións sen anestesia e decenas de miles de palestinos desprazados e refuxiados nos hospitais. E a situación neste último mes non fixo máis que empeorar”, indican desde a CIG-Saúde.

“Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina. A Sanidade Galega coa Palestina Alto aos ataques contra hospitais e persoal sanitario”, finalizan desde a central sindical.