Sanidade

O Ministerio flexibiliza a obrigatoriedade da máscara e elimina a proposta da 'autobaixa'

A ministra de Sanidade, Mónica García, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
A obrigatoriedade das máscaras en centros sanitarios será de carácter "indefinido" e poderá pasar a ser "recomendación" naquelas comunidades que presenten datos de descenso nas dúas últimas semanas de infeccións respiratorias agudas.

A ministra española de Sanidade, Mónica García, anunciou esta cuarta feira que a obrigatoriedade das máscaras en centros sanitarios será de carácter "indefinido" e poderá pasar a ser "recomendación" naquelas comunidades que presenten datos de descenso nas dúas últimas semanas de infeccións respiratorias agudas. A medida, que entrou en vigor hoxe, eliminou a proposta de  “autobaixas” de tres días en caso de gripe, que se recollía no primeiro documento elaborado polas autoridades sanitarias estatais.

Mónica García explicou que “o Ministerio de Sanidade faise cargo desta evolución desigual nas comunidades da epidemia, á vez que segue dando ese aval xurídico necesario a aquelas que necesitan máis tempo para descender”. Na mesma liña, recoñeceu que “tamén se modificaron as recomendacións de ventilación, unha das medidas prioritarias tamén para conter estes picos".

Asemade, informou da eliminación do punto sobre os plans de continxencia, "porque ben é verdade que as comunidades, obviamente, xa teñen os seus propios plans de continxencia".

Autobaixas

A ministra de Sanidade indicou que eliminou da proposta final as “autobaixas” de tres días por enfermidade leve, destinadas abordar a alta incidencia de virus respiratorios. A este respecto, asegurou que “estamos nos primeiros inicios de falar desta medida e de poder entendernos entre todos, porque non soamente é competencia deste Ministerio" e insistiu en que “se trata dunha reflexión que se leva facendo desde hai moito tempo no sistema sanitario".

A ministra e dirixente da formación política Más Madrid, que integra o Executivo dentro de Sumar, defendeu que o seu departamento  "ten a competencia" para aplicar esta medida a través do artigo 65 da Lei de cohesión do sistema estatal de saúde. Precisamente, a invasión do ámbito competencial foi un dos argumentos que levou varias comunidades autónomas a rexeitar esta proposta.