Sanidade estudará fechar e reagrupar centros de saúde

Centro de saúde do Sergas (Imaxe: Europa Press)
A raíz dunha unha proposta de representantes do Consello Galego de Colexios Médicos

A Consellería de Sanidade comprometeuse a "estudar" unha reestruturación do mapa de centros de saúde ante unha proposta de representantes do Consello Galego de Colexios Médicos, cos que se volverán reunir "en breve" para discutir esta cuestión.

Así o avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia após a reunión dunhas tres horas de duración con representantes dos catro colexios profesionais da Galioza á que tamén acudiu o presidente galego, Alfonso Rueda.

Os médicos trasladaron solucións a "curto, medio e longo prazo" para a Atención Primaria ante a falta de facultativos que sofre actualmente o Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Vemos que na Consellería e na Presidencia hai un papel negociador", dixo o presidente do Consello de Médicos, Isidro Lago.

Posteriormente, o conselleiro de Sanidade, ao ser preguntado sobre se esa reestruturación implicará feches ou reestruturación de centros, limitouse a contestar que foi "o Consello o que fixo a proposta", tendo en conta que a Administración se compromete "a estudalo" de cara a unha nova reunión.

En calquera caso, García Comesaña recalcou que ambas as partes do encontro coincidiron nas "dificultades" do Sergas para ter máis médicos, a pesar de que "sistematicamente o 90% dos MIR que se forman na Galiza fican na galiza". Por iso, dixo que aspiran a "seguir formando" facultativos.

O segundo aspecto que se abordou neste encontro, e no que pareceu haber máis acordo, é no relativo á compatibilidade dos profesionais do sistema público cos labores da sanidade privada.

E é que unha das reivindicacións do Consello Galego de Colexios Médicos pasa porque os facultativos que exerzan en ambos os sistemas non sufran a perda do complemento específico nas súas retribucións, algo que ocorre en "Galiza e en Asturias", tal e como sinalou Isidro Lago.

O terceiro asunto sobre o que versou o encontro foi as funcións de cada profesional sanitario, ante a polémica proposta do Sergas de formar enfermeiros para atender en puntos de atención continuada (PAC) da área de Pontevedra-O Salnés cando non dispoñan de médicos.

A semana pasada, o Colexio de Médicos de Pontevedra, dirixido polo propio Isidro Lago, anunciaba que rachaba relacións coa Consellería de Sanidade, á que responsabilizaban da "deterioración" do sistema público.

No entanto, ao ser preguntado sobre se a reunión consegue retomar os contactos, Lago insistiu en que esta será unha decisión que se debe de tomar no seo do Colexio de Pontevedra.