Sanidade fecha unha planta do Hospital da Mariña e ordena traslados grupais de pacientes a Lugo, a máis de 100 km
A Dirección do centro hospitalario ordena por escrito ao persoal facultativo que asume as gardas da área médica que as e os pacientes que requiran de ingreso a cargo de medicina interna sexan ingresados en Lugo.
Desde CIG-Saúde denuncian que "habendo camas libres" no Hospital da Mariña, en Burela, estanse a derivar ao HULA "por orde da Dirección e contra a vontade do persoal facultativo do cadro de persoal e contra a vontade das usuarias e dos usuarios", pacientes que requiren de ingreso. Unha decisión, din, motivada pola "incapacidade" do equipo directivo para dotar o centro do persoal necesario para asumir as necesidades sanitarias da comarca.
A central sindical cualifica de "pésima planificación" o feche da planta de Medicina Interna (38 camas fechadas) durante xullo, agosto e setembro neste hospital, un feito xa denunciado pola CIG o pasado 11 de xuño, por carecer de "calquera xustificación técnica posíbel". O sindicato convida directora, xerente e demais responsábeis políticos da decisión a que dea explicacións públicas ás e aos pacientes que son forzados a ingresar en Lugo "tendo camas baleiras no seu hospital de referencia, o hospital da Mariña". Advirten que detrás da "boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que se está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal".
Traslados grupais de pacientes para ingresar no HULA
Segundo información que achega a CIG, o pasado 25 de agosto do 2025, ante a necesidade creada de ingresar pacientes en Lugo, o Hospital da Mariña prescinde das ambulancias destinadas a traslados urxentes, deseñadas para un máximo de dous pacientes, e novamente dá paso á utilización de ambulancias destinadas ao transporte de pacientes que acoden a rehabilitación ou a diálise, as coñecidas como de transporte colectivo, "repetíndose o acontecido en marzo deste mesmo ano".
A calidade asistencial, considera a CIG, "pasa a un segundo plano" estabelecéndose como prioridade a evacuación de pacientes e así, deste xeito, polo que foi coñecedora a central sindical, grupos de até catro pacientes nunha mesma ambulancia e ao cargo de unha soa enfermeira emprendían viaxe interhospitalario desde un hospital parcialmente fechado, o da Mariña, até o hospital da cidade de Lugo, o HULA, a máis de 100 km.
A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións a "degradación" do Hospital da Mariña e a "precariedade laboral" das e dos profesionais da sanidade da comarca. "A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que, a data de hoxe, atopámonos sen persoal dabondo para cubrir as necesidades básicas en materia de saúde da comarca e que os pacientes que deberan estar ingresados no Hospital da Mariña, atópanse a máis de 100 km arrastrando con eles as súas familias", reiteran.