Preocupa o caso de Vigo

Sanidade fecha a comarca Bergantiños, excepto A Laracha, e Ribadavia

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade (Imaxe: Europa Press).
[EN AMPLIACIÓN] A Consellaría de Sanidade deu conta na mañá desta sexta feira de novas restricións após a última reunión do subcomité clínico que estuda a evolución epidemiolóxica da Covid-19. Entre outras, comunicou o fechamento da comarca de Bergantiños, agás no caso da Laracha, e do concello de Ribadavia.

A Consellaría de Sanidade decidiu fechar a comarca de Bergantiños, excepto o concello da Laracha, e mais o municipio de Ribadavia, debido á evolución negativa na incidencia da Covid-19. O decreto coas novas restricións publicarase nas próximas horas e entrará en vigor ás 00 horas deste sábado 14 de novembro. As medidas terán unha duración de 30 días.

Na comarca de Bergantiños a incidencia a sete días é de 239 casos por 100.000 habitantes e a 14 días de 371. No caso de Ribadavia, son 39 os casos por 100.000 habitantes a 14 días. Estas cifras levaron a estabelecer o fechamento perimetral da comarca da Costa da Morte, excepto A Laracha, e do fechamento do concello do Ribeiro. Mais tamén outros factores, como as características da poboación afectada e da presión asistencial.

Así, en Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Ribadavia adoptaranse as mesmas medidas que nas sete cidades e os seus concellos próximos, de maneira que se fecha a hostalaría, prohíbense as reunión públicas e privadas das persoas non conviventes e limítase a mobilidade nas áreas afectadas. Con estes municipios, serán 67 os concellos galegos co máximo nivel de restricións.

Por outra banda, na rolda de prensa decorrida despois da reunión, Sanidade advertiu de que permanecerá "vixilante" nos concellos da Rúa, Sanxenxo e Chantada, onde na próxima semana podería decretar as mesmas medidas que nos 67 concellos en alerta máxima de restricións.

Preocupación polo aumento de 25% de ocupación das UCI

A Consellaría de Sanidade puxo de manifesto a preocupación a respecto do aumento da presión asistencial nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), que na última semana subiu 25%. A respecto do pico da pandemia, en marzo, hai un 46% de ocupación en UCI e un 47% na hospitalización noutras áreas.

As áreas máis afectadas polo incremento da presión nas UCI son a da Coruña, a de Vigo e a de Lugo, segundo informou o xerente do Sergas, José Flores.

Prevese que as cifras aumentan dado que as previsións levan a apuntar que os enfermos coa Covid-19 tardan 15 días en ingresar en unidades convencionais e outras dúas semanas en seren hosputalizados en UCI.

Tamén destacaron a carga asistencial "moi alta" da Atención Primaria, que 93,8% das persoas diagnosticadas coa Covid-19 se atopan nas súas casas, 5,2% hospitalizadas en unidades convencionais e o 1%, en UCI.

Tendencia ao descenso

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, informou da incidencia nalgunhas das áreas sanitarias e salientou a tendencia "ao descenso" motivada polas restricións aprobadas, aínda que apuntou que é cedo para valoralas.

Malia o aumento constante de contaxios e falecementos, alén da suba na carga asistencial, Durán salientou que a Galiza é un dos territorios que mellor enfrontan a Covid-19. Sinalou que a incidencia a sete días é de 138,17 por 100.000 habitantes, fronte os 233 do conxunto do Estado. A catorce días, é de 308,91 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 514 do conxunto estatal.

Tamén ofreceu os datos de Compostela para demostrar o descenso na incidencia, onde a sete días caeu de 157,8 casos por 100.000 habitantes hai unha semana a 89. Tamén caeu en Ferrol, onde na semana pasada había 272 casos por 100.000 habitantes e agora hai 137.

Vigo representa a outra cara da moeda, "semella que se estabiliza, mais a tendencia descendente non é tan marcada", informou Durán. A incidencia a sete días é nesta cidade de 174.

A respecto do Carballiño, concello que dá nome ao modelo máis elevado de restricións na Galiza, a tendencia é "moi moi descendente", ao pasar de 113 casos por 100.000 habitantes a 64 en sete días.