Sanidade extende as restricións a Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa, Poio e Laxe

O conselleiro Julio García Comesaña nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
O incremento dos contaxios por coronavirus fixo que a consellaría tomase esta decisión. Entre as medidas a aplicar neses municipios está que os estabelecementos comerciais pasarán poder cubrir só o 50% da súa capacidade.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que seis novos concellos veránse afectados polas medidas restrictivas para intentar frear os contaxios por coronavirus. En concreto, a decisión do subcomité clínico de expertos que estuda a situación epidemiolóxica da Galiza afecta a Laxe, Lalín, Poio, Vilaboa, A Guarda e O Rosal.

Entre as medidas anunciadas polo departamento do recén nomeado Julio García Comesaña para estes municipios está restrinxir a capacidade dos comercios, a restauración e a hostalaría ao 50%. A mesma norma afectará a bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.

Os encontros de persoas non convivintes só poderán ter un máximo de dez participantes e recúrtanse as prazas en celebracións, velorios e igrexas e outros lugares de culto.

Esta batería de novos parámetros para a veciñanza será publicada esta tarde no Diario Oficial de Galiza (DOG) e entrará en vigor ás á medianoite. Ademais, fontes do departamento da Xunta, advertiron da posíbel ampliación ou redución deste conxunto de medidas. A revisión farase nun prazo dunha semana.

"No caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares fechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre", indicaron, pero os actos previstos para esta fin de semana non se verán perxudicados.

A intención de Sanidade é, según aclara, "poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta".

É por isto que, ademais das medidas que hai activas en todo o país desde que comezou a pandemia, se están a "acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios".