Mudanzas nos concellos

Sanidade estabelece o fechamento da Pobra do Caramiñal, O Grove, Cualedro e Carballeda de Valdeorras

O Grove mantén a hostalaría fechada (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O subcomité clínico que asesora a Xunta da Galiza sobre a pandemia, decidiu fixar esta sexta feira o nivel alto de restricións nos municipios de Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubía, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre.

O subcomité clínico que asesora a Xunta da Galiza na xestión da pandemia provocada pola Covid-19 acordou na mañá da sexta feira o estabelecemento do nivel máximo de restricións nos concellos da Pobra do Caramiñal, O Grove, Cualedro e Carballeda de Valdeorras.

Así mesmo, tamén determinou o nivel alto de restricións en nove concellos: Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubiá, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre.

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos termos municipais do Irixo, A Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cambados, Catoira, Cangas, Marín, Meis, Gondomar, Vilanova, Vilaboa, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, As Neves, A Illa de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Estas medidas entrarán en vigor ás 00 da segunda feira, 19 de abril.

Máis de 25.000 persoas chamadas a participar nos cribados poboacionais

Segundo informa a Consellaría de Sanidade nun comunicado, na fin de semana máis de 25.000 persoas están chamadas a participar nos cribados que procuran identificar novos casos asintomáticos entre a poboación.

A Dirección Xeral de Saúde Pública convocará no Concello de Cambre 3.000 persoas, de entre 40 e 59 anos, para realización de probas diagnósticas. Ademais, 900 veciños e veciñas do Concello de Rois, con idades comprendidas entre 40 e 54 anos, serán chamados á realización de test de antíxenos.

De acordo aos últimos datos epidemiolóxicos, Sanidade acordou citar a preto de 3.600 persoas, de entre 18 e 74 anos, nos concellos dos concellos do Barco, Cualedro e Rubiá; e a 3.100 persoas do concello de Vilanova.

No que atinxe a área sanitaria de Vigo, Saúde Pública definiu a realización de probas PCR ao grupo de poboación con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Desta maneira, preto de 4.000 vigueses están chamados a participar nos cribados desta fin de semana.

Por outra banda, na xornada de mañá, na área de sanitaria de Lugo, citaranse a 400 persoas no Concello de Meira e, a outras 400 persoas no municipio de Ortigueira.