Persoal da sanidade pública denuncia mala xestión

A xestión da sanidade pública comeza a cuestionarse outra vez na Galiza. Precariedade laboral, falta de recursos materiais, nula negociación e contratación irregular son algunhas das denuncias que realizaron onte os sindicatos nas áreas sanitarias de Pontevedra e Santiago.
Manifestación en Pontevedra (Nós Diario)
photo_camera Manifestación en Pontevedra (Nós Diario)

O sector sanitario público galego que tanto loitou contra a COVID-19 comeza a exixir responsabilidades e denuncia mala xestión nos hospitais e centros de saúde do Sergas. Onte, unha manifestación convocada polos sindicatos CESM Galiza, CO-BAS e Prosagap percorreu as rúas de Pontevedra. Estas tres centrais sindicais aseguran estar "fartas da falta de negociación, da falta de recursos humanos e materiais" e do "desprezo da dirección" do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Reclaman a dimisión da xerencia da área Sanitaria de Pontevedra, polo que consideran "unha pésima xestión que veñen arrastrando nos últimos dez anos e que se agravou coa irrupción da  COVID-19" e piden "pór freo á precariedade laboral e á manipulación dos datos". Enrique Marra, médico do CHUP, explica a Nós Diario que desde 2009 reduciuse en 25% o persoal médico.

"Cada dez médicos que se xubilaban cubrían unha praza e o resto completábase con interinaxes e contratos lixo". Reivindica que se realice "unha planificación integral e eficiente negociando a reactivación asistencial" e que se "efectúen as melloras xa pactadas en Atención Primaria e  PAC", ademais de "reactivarse a actividade cirúrxica, que en Pontevedra é un desastre, e evitar a derivación de pacientes cirúrxicos á sanidade privada como aconteceu esta mesma semana".

Contratos electorais

En Compostela, a CIG-Saúde realizou unha protesta contra a renovación automática dos contratos realizados na área sanitaria de Santiago-Barbanza a consecuencia da actual emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19. Sinalan que esta medida "penaliza profesionais con experiencia que accederon a unha lista baixo criterios de igualdade, mérito e capacidade". Entenden que non se axustan á demanda asistencial existente senón a "criterios electoralistas".

Ademais aseguran que un informe de Traballo "desmonta" a "suposta" organización da COVID-19 por parte da xerencia.

Comentarios