Sanidade detecta 655 novos contaxios da Covid nunha soa xornada

Imaxe de arquivo dun cribado en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Dirección Xeral de Saúde Pública destaca que o número de casos activos é de 4.168, perto de medio milleiro máis que na sexta feira. Por outra parte, este sábado entraron en vigor as novas restricións para loitar contra a quinta onda da pandemia.

A evolución epidemiolóxica segue a ser negativa para Galiza, que este sábado volveu vivir un incremento dos contaxios. A Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente da Consellaría de Sanidade, vén de confirmar que se detectaron 655 positivos nunha soa xornada. Así, o número de casos activos segundo as últimas estatísticas oficiais sería de 4.168, o que supón ter infectadas a case 500 persoas máis que na sexta feira.

A pesar de que os datos son preocupantes, como xa recoñeceron ao longo da semana distintas autoridades, a expansión da Covid-19 non se está a traducir, polo momento, nunha presión asistencial. Nos hospitais, caeu lixeiramente, pois segundo o balance feito na tarde da sexta feira permanecen ingresadas 59 doentes, das que unha ducia (dous máis que o día anterior) son atendidas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI).

Por áreas sanitarias, tan só as da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés rexistraron unha caída da presión asistencial. Na coruñesa, hai 18 ingresados (-3), pero se mantén o número de tres enfermos na UCI. Na demarcación pontevedresa son 12 os hospitalizados (-2) e seguen sen cambios os catro que están críticos.

Nin na área de Vigo nin na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras houbo mudanzas, pero en Compostela-Barbanza chegaron aos centros sanitarios tres individuos (dous máis que onte). Tamén aumentaron na de Ferrol, onde hai oito (+1), dos que catro (+2) están en coidados intensivos; e na de Lugo-A Mariña-Monforte, con seis hospitalizados (+1), aínda que en críticos segue só un.

En ascenso no número global

As cifras de atención hospitalaria non implican que a quinta onda non estea moito máis perto do que parece pola rapidez na que aparecen os contaxios. Ao tratarse, en boa parte, de infectados na mocidade hai menos sintomatoloxía ou é leve pero o número de infectados segue a crecer sen control.

Nas últimas 24 horas, as autoridades sanitarias ratificaron 498 contaxios (en números absolutos) até chegar aos 4.168, pois houbo máis positivos (655) que persoas que superaron a enfermidade (157). A poboación infectada duplicouse en pouco máis dunha semana e o ascenso continúa nas sete áreas sanitarias.

A que máis creceu nas últimas horas foi a de Vigo, que acumula 871 casos activos (+137), seguida da de Ourense-Verín-O Barco, que alcanza os 726 (+120). Séguenlles a área de Pontevedra-O Salnés, que contabiliza 741 pacientes (+78); a da Coruña-Cee, con 821 (+76); a de Santiago-Barbanza, con 432 (+46); a de Ferrol, con 163 casos activos (+22); e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 414 (+19).

Desde o inicio da crise sanitaria

Como balance xeral, no que vai de pandemia faleceron na Galiza 2.439 habitantes. Respecto ás curacións, Sanidade estabelece o rexistro en 126.516.

Neste contexto continúa a campaña de vacinación, que ten ritmos moi similares en todas as áreas, que está centrando o esforzo na primeira dose das persoas de entre 30 e 39 anos e na segunda daquelas que están na franxa de idade dos 40 aos 49 anos.

Ademais, segundo informacións da Consellaría de Política Social, nas residencias hai cinco usuarias contaxiadas, todas elas do centro García Hermanos de Betanzos. Este grupo de galegas e galegos foi dos primeiros en recibir os tratamentos para ser inmunizado contra o coronavirus e non se detectaba ningún foco activo desde o 16 de maio. O último surto decorrera nun xeriátrico de Chantada.

Medidas de control

De cara a frear a situación actual, o Comité Clínico estipulou na terza feira unha serie de medidas restritivas en vigor desde a medianoite desde sábado. Así hai cinco municipios en nivel alto e até nove no chanzo medio-alto, o que implica por exemplo recortes na capacidade dos locais de hostalaría.

Por outra parte, para acudir aos negocios do lecer nocturno haberá que presentar PCR negativas. Tamén se están a precintar espazos públicos nas noites para evitar o botellón.