Sanidade detecta 253 novos contaxios por coronavirus e 5 falecementos nas últimas 24 horas

Unha sanitaria fai un análise de sangue para comprobar a prevalencia do virus. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Compostela padece un retroceso é contabiliza 33 novos casos activos mentres que en Pontevedra a cifra dun só día abeira o medio centenar de persoas. Tamén en Ourense e Vigo seguen a aumentar as persoas que teñen a enfermidade.

A cifra de contaxios pola pandemia volve oscilar á alza. Así o revelan os últimos datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, que dan como resultado un incremento de 253 novos positivos con respecto ás cifras que manexaba onte. Nas últimas 24 horas tamén houbo que lamentar 5 falecementos e hai outras dúas persoas ingresadas nas UCI galegas.

Malia que se producen curacións desta enfermidade, o incremento de doentes tamén é relevante polo que entre a noite do domingo e a de onte contabilizáronse 253 persoas máis afectadas polo coronavirus. De feito tamén houbo un pequeno ascenso dos casos activos, que onte baixaban, pasado de 4.264 a 4.301.

Ao falar das áreas sanitarias, a de Compostela sufriu nun só día unha nova curva na evolución para rexistrar unha subida dos casos activos. En concreto, xa son 673, 33 máis que esta segunda feira. En Pontevedra as limitacións impostas a semana pasada seguen sen dar resultados: hai 49 afectadas máis que onte, chegando así ás 552.

Tamén en Ourense o número continúa a alza, mais neste caso o incremento foi de 21 persoas coa Covid-19, sumando 503. En Vigo son 373 (12 máis).

No lado contrario sitúanse as zonas da Coruña e Cee e Lugo. No primeiro caso, os positivos caeron en 51 a pesar de que o entorno sexa o máis afectado (1.246). Pola súa parte, a demarcación de Lugo ten 772 pacientes, o que implica unha redución de 23. En Ferrol a caída foi só de dúas persoas.

Tres dos cinco falecementos tiñan relación con centros residenciais. Un produciuse no propio xeriátrico e outros dous en hospitais e residencias integradas. O último falecido era un home de 86 anos que estaba sendo atendido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e que presentaba patoloxías previas que complicaron a súa evolución.

Actualmente, sempre atendendo á información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, se levan practicadas 401.119 PCR. Das galegas e galegos que teñen a Covid-19 activa 30 están sendo atendidas nas UCI e outras 200 (unha menos que onte) noutras unidades de hospitalización dos centros sanitarios do país.

A inmensa maioría de afectadas, 4051, fan a corentena nas súas casas coa atención médica telefónica.