Pontevedra, Poio e Vilaboa concentran máis da metade dos positivos da área sanitaria

A Garda Civil parou un botellón en Cangas. (Foto: Garda Civil)
O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez Fernández, exixe reflexión por parte da cidadanía e recorda que "o sacrificio" non é tan grande se así non hai falecementos.

Desde hai varios días, mesmo unha semana no caso de Pontevedra, a poboación de varios municipios da área sanitaria da cidade ten limitados os seus movementos por mor das restricións para intentar frear os contaxios da Covid-19.

No entando, as medidas impostas pola Xunta en concellos como Pontevedra, Poio ou Vilaboa, non están funcionando tan axiña como se pretendía.

Malia reducir o número de asistentes non convivintes a reunións e recurtar as capacidades de certos estabelecementos, son estas tres zonas as que están a rexistrar máis da metade dos contaxios da demarcación.

Así o recoñeceu esta terza feira a xerencia da área sanitaria, que falou de "gromos numerosos" en toda a zona de influenza con máis afectadas nos tres concellos vixiados pola Xunta.

En concreto, dos 552 casos activos (que non paran de crecer nos últimos días, segundo os informes da Consellaría de Sanidade), 340 circunscríbense a eses tres municipios. En Pontevedra son 283, en Poio 35 e en Vilaboa 22. Tamén se fai seguemento da evolución de 715 habitantes destas poboacións.

Porén, o responsábel da área, José Ramón Gómez Fernández, quixo tranquilizar á poboación e asegurou que, a pesar da gran cantidade de gromos, "estes non son relevantes en canto ao número de persoas vinculadas".

Gómez Fernández comentou que, na maioría dos casos, os contaxios débense a eventos familiares e visitas a "espazos de restauración e ocio". Tamén hai focos nalgúns traballos, pero "en moita menor medida".

Ademais, o representante da xestión sanitaria aclarou que o perfil das e dos contaxiados é, sobre todo, de xente con idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos de idade.

O esforzo "non é moi alto"

Dáse a circunstancia, ademais, de que a Garda Civil identificou a 21 mozas e mozos que participaban nun botellón en Cangas sen respectar as distancias de seguridade nin levar a máscara posta.

Neste contexto Gómez Fernández asumíu que nas últimas semanas houbo "un incremento claro no número de casos". Ante a situación, fixo un chamamento á cidadanía para que reflexione porque a enfermidade "é grave" e causa "un número elevado de mortes", ademais do "dano económico e social".

Na súa opinión, "o sacrificio" de levar máscara e manter a hixiene e a distancia social "non é moi alto" se se pensa no obxectivo.