Sanidade destina en 2026 a concertos co sector privado 11,6 millóns dos fondos de Atención Primaria
Da Mariña ao Baixo Miño e de Bergantiños a Valdeorras, ducias de concentracións de 15 minutos ante os centros de saúde e os puntos de atención continuada (PAC) escenificaron esta terza feira a contundencia do rexeitamento do persoal da Atención Primaria á proposta da Consellaría de Sanidade para este servizo, un plan "que empeora as condicións laborais e a prestación asistencial", segundo as organizacións convocantes das protestas, CIG-Saúde, CCOO, UXT e CSIF. O conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, máximo responsábel político da proposta para a Primaria que recolleu a crítica unánime do persoal, apelou esta terza feira á "xenerosidade" nas negociacións entre sindicatos e Consellaría para evitar unha folga neste servizo que suporía, dixo, unha "tormenta perfecta".
"El é quen debe de ter xenerosidade con Atención Primaria", manifestou esta terza feira a Nós Diario Manuel G. Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, o principal sindicato na sanidade pública galega, e un dos portavoces das organizacións convocantes das mobilizacións e da folga do vindeiro día 26.
Moreira destacou a participación nas diferentes protestas —que se desenvolveron en quendas de mañá e de tarde— e incidiu en que "esta é unha folga en defensa da Atención Primaria, que se convoca diante dunha proposta da Consellaría de Sanidade que supón dar un paso atrás no modelo e volver ao século pasado, obrigando as medicas e médicos de familia a faceren a xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas no PAC". Reiterou que o obxectivo da folga é reforzar a Primaria “co modelo que defendemos, persoal para centros de saúde e persoal para PAC, a mellora das condicións de traballo de todo o persoal e garantir unha atención de calidade".
Os sindicatos tamén exixiron esta terza feira a retirada da categoría de persoal facultativo especialista da Atención Primaria (FEAP), os médicos de familia que non precisan a formación MIR, “que inventaron no ano 2022 e que agora queren xeneralizar”. Demandan ademais que se poña en marcha unha negociación real dun plan de ordenación dos recursos humanos para a Primaria, "o que levamos reclamando desde o ano 2019", di.
As prazas de persoal médico, de feito, non deixaron de reducirse durante estes anos na Atención Primaria. Se en 2023 prestaban o seu servizo nos centros de saúde 2.604 facultativos e facultativas, en 2025 fano 2.463, o que representa a cifra máis baixa dos últimos 15 anos.
Apoio de sociedades científicas á folga
Tres sociedades científicas de Atención Primaria —a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (Semg) e a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen)— emitiron esta terza feira un comunicado para apoiar as mobilizacións e as convocatorias de folga na Primaria galega. As tres afirman que, "como sociedades científicas coa responsabilidade de velar pola excelencia dos profesionais e pola eficacia e adecuación da resposta da organización sanitaria ás necesidades da poboación", as medidas anunciadas polo Sergas "vulneran de maneira directa estes principios".
Recursos para o sector privado
Os traballadores e as traballadoras da Primaria tamén denuncian unha "precarización" do servizo que repercute negativamente entre as persoas usuarias. Neste sentido, a aposta na "asistencia sanitaria con medios alleos" vai supor, segundo o proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza actualmente a debate no Parlamento, que en 2026 se destine a concertos co sector privado un total de 11,6 millóns de euros da Atención Primaria. Unha cifra superior á que se destina este ano a ese mesmo concepto (10,8 millóns) e que case duplica o orzamento que a tal fin reservaba a Consellaría no ano 2000 (6,1 millóns). Entre o 2000 e o 2026, o diñeiro do capítulo de Primaria que é destinado a "asistencia sanitaria con medios alleos" supera os 62 millóns. A evolución enmárcase no aumento dos fondos totais que o Sergas destina a convenios co sector privado e que no vindeiro ano alcanzará a cifra récord de 261,7 millóns de euros —no ano 2000 destináronse 205,5 millóns–.
Ao tempo, 47% das galegas e dos galegos recoñecen que tiveron que agardar máis dunha semana para ser atendidos polo médico de familia, segundo datos achegados polo último Barómetro sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), correspondente a 2024. Na mesma enquisa indicábase que 23,9% das persoas que quixeron acudir a este servizo non obtiveron cita nalgunha ocasión. Ademais, o motivo máis frecuente para o 38% foi o atraso en concedérselle a cita, polo que decidiu acudir ás Urxencias.
De feito, un de cada tres galegos e galegas afirma que o seu acceso a unha asistencia médica presenta unha "demora excesiva" ou que directamente é "inaccesíbel" por mor deses días de agarda, segundo recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE) na súa última Enquisa de saúde, correspondente ao exercicio pasado.
Enfermeiras denuncian as "sobrecargas" nos centros
O Sindicato de Enfermaría Satse denunciou esta terza feira o que cualifica como "grave situación" nos centros sanitarios da provincia da Coruña durante a actual campaña de vacinación da gripe. "O Sergas non está a cubrir de forma adecuada as ausencias programadas ou sobrevindas de enfermeiras", sostén o sindicato, para o que "a deficiencia na cobertura destas ausencias está a xerar que nas consultas haxa unha sobrecarga de traballo que repercute directamente na calidade da asistencia sanitaria e na saúde laboral destas profesionais". En concreto, sostén que "non se están bloqueando as axendas das enfermeiras nin se están reprogramando as súas citas, o que as obriga a atender todos os pacientes previstos a pesar da redución de persoal que sofren os seus respectivos centros".
Neste sentido, o sindicato subliña que, "ao ter que atender as persoas coa metade do persoal, increméntase a presión asistencial sobre as enfermeiras e dificúltase que se poida ofrecer, en todo momento, unha atención segura e de calidade". Esta situación de asumir cargas de traballo "desproporcionadas" prexudica tamén as enfermeiras afectadas, "xa que se incrementan os niveis de estrés laboral, co consecuente desgaste físico, psicolóxico e emocional", argumentan desde Satse.


