Sanidade

Sanidade defende estender o "modelo Sanxenxo" de pagar aloxamentos a médicos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa na sede da Consellaría de Sanidade (Foto: Europa Press).
Sanidade considera que ofrecer casa a "médicos temporais" como se optou en Sanxenxo para o verán é unha medida positiva, mais desbotouna para prazas estábeis.

Sanidade considera que ofrecer casa a "médicos temporais" como se optou en Sanxenxo para o verán é unha medida positiva, mais desbotouna para prazas estábeis —en referencia á oferta do Concello de Verín dirixida a pediatras—. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, defendeu a oferta de Sanxenxo no Parlamento, unha proposta que busca solucionar un problema "conxuntural" durante uns meses, ademais de que, dixo, ao Sergas "non vai pór nin un euro", o que foi cuestionado polo Partido Socialista.

Este debate decorreu ao ronsel da comparecencia do conselleiro no Parlamento para falar da situación da Atención Primaria, na que García Comesaña anunciou que incentivará os profesionais sanitarios que teñan que facer xornadas complementarias, atender os pacientes dun compañeiro ou dar servizo no rural.

Unha batería de medidas que foi debullando após afirmar que a Primaria na Galiza "non está colapsada", que os problemas no sistema sanitario son "puntuais" e que a orixe da problemática está nunha "falta de persoal" que é, insistiu de maneira reiterada na súa intervención, responsabilidade "da outra parte", en referencia ao Goberno español.

Comesaña esforzouse durante case unha hora en construír un argumentario no que a Consellaría de Sanidade, malia ter as competencias sobre o sistema sanitario galego, non tivese as responsabilidades sobre o seu estado. 

"Meteorito"

Desde o BNG e o PSdeG centraron as súas quendas en desmontar no discurso do conselleiro e en expor no pleno as denuncias e advertencias de profesionais e usuarios sobre un deterioro da Atención Primaria que a portavoz de Sanidad nacionalista, Montse Prado, cualificou como "alerta sanitaria". "A falta de profesionais non é froito da caída dun meteorito nin tampouco dun tsunami que levou por diante todos os médicos, é consecuencia de 13 anos de recortes inmisericordes do seu Goberno", recriminou a parlamentar do BNG ao conselleiro.

A deputada do BNG criticou o "falso relato" do Sergas de que agora que o problema non é de recursos senón de falta de profesionais, "cando é evidente que con menos recursos as condicións laborais do persoal sanitario empeoran e o nivel de precariedade aumenta", o que fai que prefiran outras alternativas que as que se lles ofrecen na Galiza. Nesta liña incidiu tamén o voceiro en sanidade do PSdeG, Julio Torrado, que denunciou como "os recortes de onte" e as condicións laborais "deplorábeis" de hoxe fornecen unha "tormenta perfecta" que explica a "situación límite" da sanidade galega.

Torrado afeou ao Goberno galego que responsabilice o Estado da falla de médicos MIR na Galiza, "cando a Xunta renunciou a convocar 151 prazas de especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria”.

Mesa sectorial

Mentres decorría o debate na Cámara galega, representan tes do Sergas e dos sindicatos reuníanse na Mesa sectorial. onde o Servizo Galego de Saúde puña sobre a mesa algúns dos anuncios que o conselleiro estaba a despregar no pleno. Así, o Sergas ofreceu 10.000 euros máis ao ano a médicos de Atención Primaria que prolonguen xornada catro horas e media á semana para facer fronte ao déficit de profesionais.

Após a reunión, o responsábel de CIG- Saúde, Manuel González, dixo que a "solución" ao problema da Atención Primaria non só pasa polo incremento de retribucións, senón por "mellorar as condicións de traballo". "Non parece apropiado que se aforre diñeiro [o Sergas]. Se asumen o seu traballo, deben pagarlle o seu traballo", reivindica por parte da UXT Javier Martínez. Desde CCOO, o seu representante, Javier González, confiou en que se poida lograr un acordo en canto ás retribucións dos profesionais deste servizo.

O "éxito" de trasladar un paciente grave ás presas

Os temas sanitarios centraron boa parte da sesión plenaria de onte. O conselleiro debeu responder a unha pregunta do BNG sobre o traslado dun paciente en padiola e "ás carreiras" pola estrada a finais do mes pasado no Rosal até o helicóptero que o trasladaría ao hospital ante a falta de ambulancias.

O titular de Sanidade defendeu ese operativo como un "exemplo de éxito da sanidade pública galega" e acusou os nacionalistas de procurar "denigrar o nosos sistema sanitario". O deputado nacionalista Manuel Lourenzo lembrou que "até en catro ocasións" nun mes tivo que ir o helicóptero de emerxencia do Rosal ante a falta de medios. "O que sucedeu foi inadmnisíbel", remarcou.

Endometriose

A última moción de carácter sanitario do pleno de onte foi relativa á endometriose, defendida pola deputada nacionalista Montse Prado, unha doenza que afecta 60.000 galegas. A moción aprobada por unanimidade demanda instar a Xunta a que, antes de rematar esta lexislatura, se elabore unha guía galega de atención á endometriose. Aliás, pídese que se comprometan partidas orzamentarias específicas para a loita contra a doenza.

Lei para "uniformizar" prestacións sanitarias

O Consello de Ministros aprobou onte o anteproxecto da Lei de Equidade do sistema estatal de saúde. A norma pretende limitar a diferenza de prestacións en función do territorio do Estado español.

Fontes do Ministerio de Sanidade recoñeceron á prensa madrileña que a finalidade última é a de "unificar a carteira de servizos en todo o Estado". Segundo a titular da carteira de Sanidade, Carolina Darias, a lei vai fechar féchase a porta a novos copagamentos e amplía a asistencia sanitaria universal.

O Consello de Ministros tamén aprobou onte un Plan de saúde bucodental, dotado con 44 millóns de euros, e do que se beneficiarán por volta de sete millóns de persoas  en todo o Estado.