Sanidade

Sanidade defende pagar casas a médicos no verán en Sanxenxo, pero non a pediatras en Verín

O titular da Consellaría de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Xoán Crespo / Xunta).
A oposición cualifica de "delirante" a proposta da Consellaría de Sanidade e non entende a discriminación entre concellos.

O conselleiro de  Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu o convenio piloto asinado co Concello de Sanxenxo, polo que se contratarán e se lles proporcionará vivenda a até catro médicos para cubrir as necesidades de atención primaria e do punto de atención continuada (PAC) só durante a época estival, na medida en que esta zona e comarca ven aumentada a presión asistencial pola chegada de turistas e de poboación con segundas vivendas.

Isto contrasta coa decisión da Xunta de non apoiar unha proposta semellante do Concello de Verín que propuña pagar casas a médicos para cubrir prazas de forma permanente.

No pleno da Cámara galega, o titular de Sanidade respondeu desta maneira ao deputado do PSdeG, Julio Torrado, a quen lle espetou que esperaba que "entendese a diferenza” entre a situación de Sanxenxo, que é "conxuntural" e durante uns meses coa situación de Verín, cuxo rexedor (do PSdeG) propuxo, como xa se mencionou, ofrecer vivenda a médicos co fin de cubrir unhas prazas de pediatría que non ocupaban ningún facultativo.

O custo do convenio

Sobre o custo deste convenio indícase desde Sanidade que "a implantación do programa piloto será asumido con cargo aos recursos económicos da propia área sanitaria, polo que non suporá incremento de custo nin requirirá de dotacións orzamentarias específicas".

O Concello de Sanxenxo ten entre as súas obrigas facer as xestións oportunas para que o persoal que se incorpore teña unha solución  habitacional "adecuada" para cumprir coas súas funcións, sentenciou Comesaña.

"Delirante"

Para o deputado socialista é "delirante" que se fagan estas melloras de contratos nuns concellos mais non noutros. "Como poden ofrecer prazas mellores e peores?", cuestionou.