Sanidade eleva a catro os casos de Ómicron na Galiza e chama á "responsabilidade" de vacinar as crianzas

(Foto: Ana Varela / Europa Press).
A área sanitaria de Vigo suma tres casos positivos pola variante Ómicron do SARS-CoV-2. A da Coruña vén de anotar o primeiro. O Sergas mantén oito casos en estudo.

Sanidade vén de confirmar o cuarto caso de Ómicron na Galiza. É o primeiro detectado na área sanitaria da Coruña.

Esta mañá, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, informou dun terceiro positivo causado por esta varianrte do SARS-CoV-2 na área sanitaria de Vigo que se suma aos dous primeiros anunciados esta sexta feira polo presidente galego, Alberto Núñez Feixoo.

Tras se confirmar estes catro casos, os laboratorios de microbioloxía do Sergas manteñen oito casos en estudo sen descartar aínda ningún deles.

En declaracións aos medios este sábado, Alfonso Rueda asegurou que son "casos leves, polo menos os que se coñecen", pero fixo un chamamento á "máxima prudencia".

Vacinación das crianzas de 5 a 11

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" aos pais e nais dos nenos que teñen entre 5 e 11 anos, o colectivo que inicia esta semana o seu proceso de inmunización.

A data de inicio marcada no calendario é o 15 de decembro, cando se administrarán as primeiras doses das 60.000 que recibirá a Galiza na primeira quenda.

En todo o territorio, hai unhas 150.000 crianzas nesta franxa de idade, cuxa primeira fase de inmunización finalizará o sábado 18 de decembro.

"Hai máis de 5 millóns de nenos no mundo que foron vacinados e demostrou que prevén a enfermidade e que ademais é segura", remarcou Durán, quen engadiu que "aínda que é certo que a gravidade da Covid é menor nos nenos, tamén é certo que houbo casos hospitalizados e en UCI nos que a enfermidade se desenvolveu de maneira máis tórpida".

Ademais, a directora xeral de Saúde Pública manifestou que vacinar aos nenos tamén forma parte da "responsabilidade colectiva". "Canta máis poboación consigamos vacinar, máis inmunidade en conxunto teremos", remarcou.

Seguro e eficaz

Nesta liña tamén se pronunciou o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e investigador en vacinas, Federico Martinón. O experto apoiouse nos estudos científicos publicados e na experiencia de vacinación que xa se fixo nos Estados Unidos e en Israel (con 6 millóns de picadas en crianzas) para afirmar que inmunizar aos menores de entre 5 e 11 anos é "seguro e eficaz".

Ademais, advertiu de que ten outros "beneficios", que lles permitirá levar aos máis pequenos unha vida "máis normal", como evitar corentenas ou poder viaxar co certificado de vacinación.

A dose administrada aos nenos é un terzo da da que se inocula aos adultos e adolescentes. "Con esa dose, obtense a mesma resposta inmune e a mesma capacidade" de resposta que nos maiores, explicou.

Efectos secundarios

Os efectos secundarios son os mesmos que para adultos e precisou que neste grupo de idade non se observaron efectos excepcionais que si se viron en adolescentes. Dor local na zona da picada, febrícula e malestar son os posíbeis efectos da vacina nas crianzas.

A vacinación está prevista en horario de tarde os días 15, 16 e 17, mentres que o sábado programarase durante todo o día. Polo momento, estipulouse a administración dos grandes centros de vacinación.