Sanidade cita a vacinar 31.000 persoas que pasaron a Covid e prodúcense varios erros

Vacinación na Cidade da Cultura, en Compostela (Foto: Arxina).
Sanidade citou para vacinar este sábado case 31.000 persoas que xa pasaron a Covid-19 sen ter que agardar a que pasen seis meses desde a alta. Con todo, persoas que recibiron hoxe a vacina logo de pasar a enfermidade volveron ser convocadas -por erro- para este sábado.

Sanidade citou para vacinar este sábado case 31.000 persoas que xa pasaron a Covid-19, seguindo así o protocolo estabelecido de enfermidade máis unha dose, igual a inmunización. "Unha vez dados de alta, son chamados para dispensarlles a dose que necesitan", explicou esta quinta feira, 2 de setembro, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo. 

Desta maneira déixase sen vigor a cadencia de seis meses entre pasar a enfermidade e recibir a vacina.

Erros na convocatoria

Este anuncio da Xunta trouxo algún erro de convocatoria. Segundo comprobou Nós Diario, esta quinta feira pola mañá no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) recibiron a vacina contra o coronavirus persoas que foron dadas de alta da Covid-19 hai exactamente trinta días.

Ás poucas horas, logo do anuncio do presidente da Xunta sobre a convocatoria de 31.000 citas para este sábado, foron convocadas de novo -por erro- para recibiren a vacina este sábado.

Claramente é un erro, pois os protocolos actuais marcan que só é necesaria unha dose para quen pasou a enfermidade e, en ningún caso serían dúas vacinas cunha cadencia de dous días entre elas. 

Por outra banda, Sanidade tamén abrirá unha nova quenda de autocitas para a próxima semana con 50.000 prazas que se repartirán entre a próxima terza feira (10.000), a sexta (10.000) e o sábado (30.000). 

En canto ao alumnado de entre 12 e 19 anos, o obxectivo é finalizar a súa vacinación o vindeiro 19 de setembro.