O alivio paulatino da presión hospitalaria acompaña o descenso da Covid na Galiza

Profesionais sanitarios nun hospital. (Foto: Francisco Havia / Universidade de Vigo)
A carga hospitalaria por mor do coronavirus avanza de forma desigual segundo os territorios mais rexistra unha leve baixada que segue a centrar nos coidados críticos toda a atención. Lugo é a cidade coa incidencia máis alta e a área que máis pacientes hospitalarios suma.

Os datos de evolución da Covid publicados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade reflicten a mellora progresiva da pandemia na Galiza. Malia que os novos contaxios volven situarse por riba dos 300, mantéñense moi por baixo da media de casos desta quinta onda.

Hai un mes os informes diarios rexistraban, de media, máis dun millar de novos positivos. Hoxe, baixa de 400, cunha taxa de positividade que se achega cada vez máis á recomendación da OMS de 5% para garantir o control da transmisión do virus.

Así, nas últimas horas, rexistráronse 334 novos contaxios por Covid na Galiza, fronte aos 329 notificados un día antes. Do total, 70 corresponden á área sanitaria da Coruña, 59 á de Lugo, 69 á de Santiago, 45 á de Vigo, 47 á de Ourense, 14 á de Ferrol e 30 á de Pontevedra.

Ademais, as infeccións activas continúan á baixa, con 7.522, casos positivos no conxunto do territorio. Descenden en todas as áreas excepto na de Lugo, onde a conta de casos activos se mantén estábel con 1.402 infeccións. A Coruña continúa á cabeza con 1.871 infeccións activas, seguida de Lugo e Vigo, que ten 1.250. Santiago suma 1.309 casos activos; Ourense, 679; Pontevedra, 504, e Ferrol, 507.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, os datos reflicten un alivio lixeiro pero progresivo. Hai dous pacientes menos con Covid nos hospitais galegos que o último día: 53 en unidades de críticos, un máis, e 153 en unidades convencionais, tres menos.

Por áreas, a carga asistencial baixa en A Coruña, Vigo e Santiago; mantense en Ferrol e sobe nas de Lugo (+6), Pontevedra (+2) e Ourense (+1).

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.574 persoas con Covid tras informar Sanidade de catro novos pasamentos, catro homes de entre 64 e 83 anos.