Sanidade chama a poboación galega a se vacinar contra a gripe e a Covid-19

A poboación xeral xa pode vacinarse contra a gripe e a Covid-19. (Foto: Europa Press)
Tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinadas no seu hospital de referencia.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade fixo un chamamento á poboación para vacinarse da gripe e da Covid-19 con motivo das reunións familiares que son habituais en Nadal.

Lembran nun comunicado que continúa activo o sistema de autocita para se vacinar de ambas as infeccións respiratorias no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega.

Tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinadas no seu hospital de referencia.

Crianzas

Así mesmo, as crianzas con idades comprendidas entre os seis meses e os 11 anos -tamén con algunha condición de risco- poderán solicitar a autocita a través da aplicación Sergas Móbil.

En caso de querer vacinarse soamente contra a gripe, e non da Covid, as persoas que aínda non o fixeran tamén poderán acudir ao seu centro de saúde -previa solicitude de cita-.

Galicia conta na actualidade con máis de 760.000 persoas vacinadas xa fronte á gripe, e das que 34.000 son menos de cinco anos (48% do total).