Sanidade cambia de criterio e recomenda agardar cinco meses entre a infección de Covid e a dose de reforzo

Test de antíxenos da Covid-19 (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
Modificación no período entre a infección por Covid e a inoculación da dose de reforzo, que pasa de catro semanas a cinco meses.

A Comisión de Saúde Pública estatal decidiu modificar na mañá desta terza feira os criterios para a dose de reforzo das persoas que pasaran a Covid-19 despois de ser inoculadas coa pauta completa.

Desde agora, o lapso desde que se supere a infección até a picada de reforzo das vacinas contra o SARS-CoV-2 será de cinco meses e non catro semanas, como se viña facendo até o de agora.

Esta cambio na estratexia de vacinación chega despois de que o organismo analizara os últimos estudos dispoñíbeis, que comprobaron como o contaxio nas persoas con pauta completa “desenvolve unha resposta inmune máis potente e máis ampla en termos de neutralizar outras variantes do virus”, declarou a ministra de Sanidade, Carolina Darias.

Estratexia para as crianzas

No caso das cativas e cativos de entre 5 e 11 anos, se a infección acontece antes de ter a picada recibirán unha dose a partir dos dous meses despois de ser diagnosticado o virus.

De infectarse tras a primeira dose, agardarase oito semanas após superar a doenza para inxectar a segunda.

Críticas da OMS

Tedros Adhanom Ghebreyesus, secretario xeral da Organización Mundial da Saúde, volveu cuestionar esta semana o uso de doses de reforzo nos países con máis ingresos mentres en 34 Estados non conseguiron vacinar nin ao 10% da súa poboación en 2021, a meirande parte en África e Asia Occidental.

Presión das farmacéuticas

Pola súa parte, a secretaria da Sociedade de Inmunoloxía estatal, Carmen Cámara, subliñou a medios estatais a terza feira que “hai que pensar que conseguimos con terceiras e cuartas doses”, explicando que detrás “hai unha presión clara das farmacéuticas” privadas.