O comité clínico decide hoxe se relaxa as restricións e mailo protocolo do Entroido

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, nunha xuntanza por videoconferencia co comité clínico. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
Un dos membros do comité clínico pide manter "prudencia, vacinación e máscara", cando o órgano ten que decidir sobre a rebaixa das restricións e o protocolo de Entroido.

O comité clínico que asesora a Xunta no tocante á pandemia de Covid-19 xúntase na tarde desta terza feira para avaliar a situación e decidir sobre a “relaxación” das medidas de restrición, defendidas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Un dos seus integrantes é o doutor Pedro Rascado, especialista en Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), subliñou a “tendencia positiva” con respecto aos contaxios, que diminuíron nos últimos días.

Non obstante, esta redución chega en paralelo ao aumento das persoas hospitalizadas pola doenza. A ese respecto, Rascado explicou que no caso das Unidades de Coidados Intensivos ese aumento é “contido”, así como moi inferior a outras vagas da pandemia.

Nesta reunión do comité, amais da rebaixa nas restricións vixentes, estudarase o protocolo para as festas do Entroido.

“Prudencia, vacinación e máscara”

Aínda que finalmente se modifiquen as medidas para controlar a expansión do virus, o profesional sanitario incide en que a “principal mensaxe” ten que ser manter "prudencia, vacinación e máscara".

Rascado fai énfase en que “lle diría a calquera que estea aínda sen vacinar que vaia agora mesmo" e destacou a importancia da máscara. Ao tempo, cuestionou por precipitado o debate sobre a “gripalización” da pandemia, por xerar equívocos non desexábeis.

Entroido

No que atinxe ao Entroido, Feixoo avanzou que se estabelecerá un protocolo máis “laxo” e que permitirá unha “maior interacción” que no caso das festas de nadal.

Pola súa banda, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, lembrou que o número de persoas que se recomenda nas xuntanzas é un máximo de 10, e abriu a porta a reducir esta cifra “para diminuír a probabilidade de contaxio nestes eventos".

Medidas principais en vigor

— Bares e restaurantes deben pechar a medianoite excepto sextas feiras e sábados, que o fan á 1.00 da mañá; mentres que pubs e discotecas teñen de límite as 3.00 horas.

— Toque de recoller para xuntanzas entre persoas non conviventes de 3.00 a 6.00 da madrugada das quintas e sextas feiras, e mailos sábados.

— Certificado Covid para acceder aos locais.