Sanidade aumenta o gasto en capeláns para os hospitais públicos: serán 770.000 euros en 2024

Capela no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo.
O Sergas destina nesta lexislatura 3,7 millóns a sufragar persoal relixioso.

Os orzamentos da Consellaría de Sanidade para 2024, unha vez descontada a inflación, son inferior en 70,4 millóns de euros aos do presente exercicio, 2023.   O investimento por habitante en gasto sanitario é na Galiza 43 euros inferior á media estatal. Máis de 261.000 persoas están en lista de espera estrutural na sanidade galega, ben sexa para unha consulta hospitalaria ou para unha intervención cirúrxica. Isto é, Unha de cada 10 galegas e galegos está nas listas de espera sanitarias.

Ao tempo, continúan as denuncias e advertencias de profesionais e usuarias ante a falla de persoal e medios en campos como a Atención Primaria. Neste contexto, o proxecto de orzamentos para 2024 contempla un aumento da partida que o Sergas destina a pagar capeláns nos hospitais públicos galegos. Unha asignación que para o vindeiro ano o Servizo Galego de Saúde (Sergas) sobe até os 770.000 euros.

A cifra supera levemente á destinada a pagar persoal relixioso para os hospitais galegos este ano (765.000), e é significativamente máis alta que a gastada en capeláns en 2022 (738.000 euros) ou en 2020, primeiro ano desta lexislatura, cando apenas superaba os 701.000 euros. Desde aquela até hoxe esa partida incrementou en case 10%. Entre 2020 e 2024 a Xunta gasta ao redor de 3,7 millóns de euros en sufragar o custo deste persoal relixioso.

53 capeláns

Con eses 770.000 euros págase a 53 capeláns para as sete áreas sanitarias galegas. Deles, 41 son a xornada completa e o resto a media xornada. A área de Ourense-Verín-O Barco é na que máis diñeiro se destina a este gasto, case 140.000 euros para sufragar ás retribucións de nove membros do persoal relixioso. A seguir figuran as áreas sanitarias de Vigo e de Santiago-Barbanza. En cada unha delas, destínanse 129.000 euros para o pagamento de 9 capeláns, 7 a xornada completa e 2 a media xornada.

Na de Pontevedra-O Salnés hai 8 prazas de relixiosos orzamentadas, 6 a xornada completa e as outras 2 a media xornada. O gasto aquí do Sergas en pagar estes capeláns sitúase en algo máis de 113.000 euros. 

105.000 euros é o que o Sergas destina en aboar os 7 capeláns —6 a xornada completa— na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte. Por último, e segundo os datos do proxecto de orzamentos para 2024, a área de Ferrol é a que menos destina a este gasto: 49.000 euros. É tamén a que menos persoal relixioso ten: 2 capeláns a xornada completa e 1 a media xornada.

"Para isto si hai diñeiro"

Colectivos e plataformas en defensa da sanidade pública teñen criticado en reiteradas ocasións que esta partida para pagar relixiosos nos hospitais públicos continúe ano tras ano nos orzamentos que elabora a Xunta da Galiza. Neste sentido, voces como a de Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e implicado en plataformas de defensa da sanidade pública cualificou como de "anacrónico e incomprensíbel" que se destinen a esa fin fondos públicos. "Dinnos que non hai diñeiro para médicos nin para enfermería mais si que hai para pagar sacerdotes".

A orixe, nun convenio de hai case 30 anos

A partida para pagar este persoal relixioso ten orixe nun convenio asinado por Sanidade en 1995 coas dioceses galegas. En virtude do citado convenio, o Sergas paga os salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia nos hospitais.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ditaba unha sentenza en 2021 na que advertía de que a "actividade pastoral" que realizan os sacerdotes é "allea totalmente ao Sergas". Na resolución, o alto tribunal galego puña de manifesto que a actividade dos relixiosos nos hospitais "nin coincide coa propia do Sergas -a aconfesionalidade do Estado así o impide- nin o Sergas pode impartir ordes e directrices na súa execución, algo que só cumpre o bispo, que é, ademais, o que designa e cesa os capeláns". Desta maneira, o TSXG non considera os relixiosos persoal laboral do Sergas.