Sanidade augura "gromos explosivos" a medida que se relaxen as medidas

Un grupo de mozas durante a proba piloto de festas e verbenas. (Foto: Beatriz Circar /Europa Press).
Os surtos asociados a viaxes de fin de curso deixan, segundo as últimas cifras ofrecidas por Sanidade, 70 positivos e 600 persoas en corentena na Galiza. O Goberno balear confirmou que ten detectados 268 mozos e mozas máis procedentes da Galiza, Euskadi, Andalucía e Madrid, aínda de viaxe, en varios hoteis de Mallorca.

Ao marcrosurto declarado nas Illes Balears comezan a sumarse outros gromos relacionados con viaxes de fin de curso que están a alterar as cifras da pandemia e ameazan con afectar tamén á súa evolución.

En todo o estado hai máis de 700 contaxios confirmados que manteñen polo menos outras 2.000 persoas en corentena. Na Galiza, segundo o último balance de Sanidade, son 70 os casos diagnosticados relacionados coas viaxes de fin de curso a Mallorca, onde, segundo o Goberno Balear, permanecen nos seus hoteis estudantes cunha PCR positiva, á espera de regresar.

A este respecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que os datos "seguen sendo preocupantes e cada día que pasa o son un pouco máis". Con todo, confiou en que este domingo finalizase o "primeiro varrido" a través de PCR de todas as persoas identificadas.

En función dos resultados, dixo poderíase ampliar a cifra de contactos aos que se lles realizará a proba do coronavirus, e mesmo naqueles casos que dean negativo, o Servizo Galego de Saúde está a optar por "esperar 48 ou 72 horas, dependendo de cando volvesen das Baleares".

Máis surtos explosivos

A propósito destes focos de contaxio que coinciden no tempo cun avance na desescalada, García Comesaña augurou novos "abrochos explosivos" da Covid-19 a medida que se relaxen as medidas, mesmo cando a vacina xa alcance "unha porcentaxe moi alta" da poboación.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Comesaña advertiu ante estas repuntas non serán "tan abruptas" como a de Mallorca pero virán dadas, aclarou, polas novas variantes e porque "a vacinación non garante non coller a enfermidade".

Variante Delta

De feito, de todos os casos asociados ás viaxes a Mallorca, García Comesaña confirmou que "uns 20" están secuenciados como Delta, aínda que cre que "case todos" responden a esta variante, á que será "moi difícil pórlle portas".

Por iso incidiu na mensaxe xa lanzada polo Ministerio de Sanidade esta semana, na "recomendación de non facer estas viaxes".

Ademais, e malia a fin de restricións ligadas á hostalaría e ao uso obrigatorio da máscara, o titular de Sanidade alertou de actitudes "irresponsábeis" como os botellóns e aglomeracións que poden poñer en risco o control da pandemia, polo que aproveitou para pedirlle á xente nova que "espere un pouquiño máis" e "siga mantendo ese bo comportamento que caracterizou a Galiza e que tan bos resultados deu até agora". O que exixe o cumprimento de todas as medidas que afectan o interior, incluída a máscara, "probablemente a última cousa que desaparecerá".