Sanidade ao límite en Sanxenxo: Sen reforzos e coa metade do horario para o turismo

Intre da mobilización en Sanxenxo. (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Sanxenxo)
Sanitarios protestan no centro de saúde de Baltar (Sanxenxo) para denunciar as condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo no verán, con oito médicas e médicos para atender a 80.000 persoas.

“Sobran políticos e xestores, falta persoal sanitario ¡Solución xa!”, líase na pancarta que encababa esta cuarta feira a mobilización de traballadores sanitarios, acompañados de usuarias e usuarios, diante do centro de Saúde de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo).

Oito dos dez sindicatos con representación na xunta de persoal da área de Pontevedra convocaron a protesta, da que non formaron parte Co.Bas e TSP,  para exixir solucións á situación límite na que se atopan este verán, que traballadoras e traballadores do centro médico chegaron a denunciar nun escrito a finais de xullo dirixido á Valedora do Pobo, á Fiscalía de Pontevedra e ao Defensor do Pobo estatal.

Ademais de denegar case todos os reforzos, a Xerencia da área sanitaria do Sergas bloqueou a metade do horario laboral dos médicos para atender exclusivamente a turistas, “na metade de tempo temos que atender un número case igual de pacientes de Sanxenxo que nun horario completo”, cuestionan no escrito, no que revelan os “grandes problemas de asistencia sanitaria” que esta situación está a xerar.

Esta decisión está a implicar gardas de 17 horas no Punto de Atención Continuada (PAC) con 99 pacientes na axenda dunha única titular médica, ou doutores que se atopan con até 87 citas por atender na súa xornada laboral.

Segundo explican os profesionais, nesta época había reforzos específicos de consulta médica, enfermería e persoal non sanitario, o mesmo que ocorría no PAC. Porén, este ano non foron aprobados os reforzos, sumándose a un grupo de persoal moi axustado apenas unha persoa para tarefas de enfermería. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, argumentaba no Parlamento esta terza feira que as vacacións dos facultativos en agosto impedía cubrir as prazas precisas.

Diante desta situación, as traballadoras e traballadores do centro reclaman que se investigue se esta “clara neglixencia” do Sergas pode constituír un delito contra a saúde e a seguridade dos traballadores, conculcando “os dereitos dos pacientes e creando unha situación de gravísimo perigo de incorrer en delito de omisión de socorro pola imposibilidade de atender a poboación”.

As 17.000 persoas censadas en Sanxenxo pasan durante os meses de verán a 80.000, con picos de poboación que poden superar as 100.000 persoas co turismo. O número de médicas e médicos para atender a estas persoas é de oito profesionais.