Sanidade advirte que nas UCI hai persoas "cada vez máis novas"

Mapa coas restricións que se aplicarán en cada concello a partir das 00.00 horas deste sábado (Infografía: Nós Diario).
O Comité Clínico sitúa Ordes e Monforte no chanzo máximo de restricións, mentres 30 concellos fican no alto e outros 55, entre eles as sete cidades, no medio. A Covid-19 segue a remitir na Galiza da man dos avances na vacinación, mais a incidencia é aínda moi elevada entre a xente nova, cada vez máis presente nos hospitais.

A curva de contaxios da Covid-19 continúa nunha liña descendente, mais lonxe das previsións do Comité Clínico. Así o manifestou nesta terza feira a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na rolda posterior ao encontro semanal das persoas expertas que asesoran a Xunta, que se ben agardaban unha caída semanal de -4,7%, hoxe o dato é de -3,7% debido, fundamentalmente, "ás festas e agrupacións numerosas de xente por mor das festas patronais" en concellos como Monforte de Lemos ou Ordes, os dous únicos que estarán no nivel máximo de restricións a partir das 00 horas deste sábado, cando entre en vigor a nova orde da Consellaría de Sanidade —previa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG)—.

No nivel alto ficarán 30 municipios, mentres no medio haberá outros 55, entre eles as sete cidades. Os 226 concellos restantes do país permanecerán no chanzo medio-baixo de restricións.

Os casos activos, con todo, baixan un día máis no conxunto da Galiza até os 10.038 (373 menos que na xornada anterior), ao tempo que os novos contaxios, 402 nas últimas 24 horas (-45). Tamén descende, mais de forma leve, a taxa de positividade das probas PCR, cun rexistro de 9,3%, aínda moi superior ao limiar de 5% recomendado para controlar a transmisión vírica.

No tocante ás variantes do coronavirus, a Delta consolida a súa predominancia cunha circulación de 96%, fronte ao 3% da Alfa e o 1% restante da Gamma, a Betta, a Etta e a Lotta.

Así as cousas, a incidencia acumulada (IA) segue a reducirse tanto a 7 días (145 casos por cada 100.000 habitantes) como a 14 (333 casos), mais ambos os indicadores superan a media estatal. Porén, a IA cae de modo significativo en todos os grupos de idade agás entre a xente nova. A 14 días, a IA das persoas de entre 12 e 19 anos é de 1.133, e de 1.178 de 20 a 29 anos, dous rexistros que case duplican a media do Estado.

Cada vez máis mozos nos hospitais galegos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu incidir en que cada vez hai máis xente nova internada nas unidades de críticos dos hospitais galegos. Hoxe hai un total de 58 persoas nas UCI do país (-5), unha delas de 16 anos e outra de 18. Tamén hai doentes de 23, 24, 34 e 35 anos que levan máis dunha semana ingresadas. "Son números moi preocupantes", dixo o conselleiro, e salientou que os hospitais da Coruña e Cee acollen 19 pacientes en coidados intensivos, e os da área de Vigo, outros dez. Aliás, outros 242 galegos e galegas fican internadas en unidades convencionais (-26).

E cómpre lembrar que desde o inicio da pandemia faleceron no país 2.546 persoas por mor da Covid-19.

118 casos nas residencias

Por outra banda, repuntan os contaxios nas residencias de maiores a 118 (+21), dos que 72 corresponden ao centro das Gándaras, en Lugo. Nos centros de atención a diversidade, así e todo, hai 51 positivos (-2).

Oito de cada dez galegos teñen unha dose da vacina

Na Galiza 1.926.497 persoas contan xa coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 (78,5% da poboación maior de 12 anos e 71,3% do total), e até 2.176.054 teñen, cando menos, unha dose (88,6% e 80,6% respectivamente).

O conselleiro salientou o "grande esforzo" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para avanzar na inmunización da rapazada de 12 e 13 anos, cun 80% de asistencia na segunda feira. Entre a cuarta e a quinta feira o Sergas seguirá a citar as persoas de entre 14 e 16 anos, coa mirada posta no inicio do curso escolar. "Lembramos que a eficacia das vacinas non é de 100%, polo que instamos a xente nova, aínda que estea vacinada, a seguir cumprindo todas as medidas de prevención e evitar as aglomeracións", sostivo.

A respecto das persoas que xa superaron a enfermidade, que nun principio deberían agardar até seis meses para recibiren o fármaco, García Comesaña asegurou que o Sergas xa as está a citar, independentemente do seu grupo de idade.

Aliás, afirmou que a Xunta aprobará a administración da terceira dose da vacina "en canto haxa evidencia científica e o autorice a Axencia Europea do Medicamento". Tamén emprazou as mulleres embarazadas a se vacinaren "o antes posíbel".

Reunión coa hostalaría

Noutra orde, o conselleiro salientou que o Goberno está a traballar con representantes da hostalaría —malia as críticas das principais asociacións do sector, que denuncian a "falta de diálogo"— nun documento "de consenso" para aliviar as restricións nestes estabelecementos e reabrir as barras de cara a setembro.

Neste senso, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza desestimou nesta terza feira a petición da Asociación de Hostaleiros da Coruña de anular as restricións de capacidade e horarios.

Capacidade dos estadios de 1ª RFEF

Esta fin de semana Celta, Deportivo e Racing inician a súa andaina na 1ª División RFEF. Preguntado a respecto da capacidade que se permitirá nos estadios desta categoría, García Comesaña non concretou unha cifra, mais falou de "números semellantes" aos aprobados para A Liga, cun 40% de cabida que será revisado este sábado.

O PPdeG mantén o evento de Cerdedo-Cotobade

Este domingo o PPdeG dará inicio ao novo curso político cun acto en Cerdedo-Cotobade, que pasa ao nivel alto, no que participarán Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado. Sobre a viabilidade do evento, o conselleiro desbotou a súa cancelación e asegurou que o partido "cumprirá as medidas que rexen no concello".