Sanidade advirte de que case todos os indicadores no Salnés están en "valores de alto risco"

Unha ambulancia traslada un doente con Covid-19 ao hospital de Lugo (Carlos Castro / Europa Press)

Unha das áreas de Galicia que preocupan ás autoridades sanitarias en relación á evolución da covid-19 é a do Salnés, onde, a pesar das medidas restritivas impostas en boa parte dos seus municipios, non melloraron os indicadores.

A Consellaría de Sanidade apunta a que "os datos seguen sen mellorar" nesta área, o que "indica que o gromo aínda non está controlado", tal e como recolle a orde de medidas publicada a última hora desta sexta feira no DOG para incluír nas restricións da zona a Meaño, Meis e Ribadumia.

En particular, alertan de que "case todos os indicadores de risco da comarca mostran criterios con valores de alto risco", como a incidencia acumulada a tres días, o número de doentes que ingresan en unidades de hospitalización ou a porcentaxe de PCR positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado".

Meis ten unha taxa acumulada a 14 días de 521,8 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Meaño e Ribadumia están en 493,2 e 316,7 casos cada unha, respectivamente.

Paralelamente, "a transmisión séguese mantendo", cun índice de reprodución por encima dun e a xente nova como o grupo no que "se recollen as taxas máis altas" de contaxios..

Cee, Dumbría e Muxía

A outra área que se incorpora aos peches perimetrais é a de Cee, Dumbría e Muxía, na Costa da Morte, onde as expertas sanitarias ven tamén indicios de preocupación.

O principal foco nesta área é Muxía, recolle o DOG, cunha taxa acumulada a 14 días de 751,6 casos por cada 100.000 habitantes. En Dumbría, pola súa banda, hai unha taxa de 704 casos por 100.000 habitantes a 14 días e en Cee é de 238,5.