Coronavirus na Galiza: baixan a 355 os positivos diarios detectados

Cribados de Covid-19 (Europa Press)

Volven descender en máis de 400 as PCR feitas en 24 horas, pero a positividade é inferior a 5% na maioría das áreas sanitarias do país.

Os positivos por coronavirus detectados nas últimas 24 horas na Galiza volveron caer, concretamente  até os 355, o que supón unha baixada de 71 con respecto á cofra notificada hai un día.

Con todo, rexistráronse subidas na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, en Pontevedra-O Salnés e, aínda que en menor medida, na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras.

En concreto, segundo o parte deste sábado da Consellería de Sanidade, con datos solicitados até as 18 horas da sexta feira, en todo o territorio de Ourense se detectaron 17 novos contaxios de covid-19 nun día. Isto implica unha pequena suba de dous con respecto aos 15 do día anterior, pero que a mantén como a área sanitaria menos afectada.

Onde si subiron en maior medida os positivos diarios é na área sanitaria de Lugo, con 61 novos casos -30 máis-, e na de Pontevedra-O Salnés, que volveu a rexistrar un descenso con 55 positivos novos -catro máis-.

En canto ao resto de áreas, experimentaron caídas substanciais. Así, Vigo continúa como a que máis casos notificou nun día, con 74 novos contaxios detectados, pero implica caer en 41 con respecto ao parte anterior. De igual modo, a da Coruña-Cee sumou 73 positivos, o que supón unha baixada de 18.

Así mesmo, descenderon as infeccións diarias na área sanitaria de Santiago-Barbanza, con 39 novas (-18); e na de Ferrol, con 36 (-30).

Volven baixar as PCR realizadas

Os datos publicados por Sanidade este venres tamén reflicten que até o momento se realizaron na Galiza un total de 887.679 probas PCR, o que implica que nas últimas 24 horas se levaron a cabo un total de 7.005, outro descenso -de 417- con respecto á xornada anterior.

Con todo, a taxa de positividade volveu a baixar unhas décimas con respecto ao venres, até o 5,6%, aínda que é unha cifra aínda superior ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Iso si, por baixo deste limiar se sitúan até catro áreas sanitarias: Ourense (2,4%), Santiago (3,7%), A Coruña (3,9%) e Ferrol (4%). Por enriba tan só están as de Vigo (5,5%), Pontevedra (10,6%) e Lugo (12,4%).

Casos activos

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, este sábado volveron a experimentar unha caída de 241 con respecto ao venres, até colocarse nos 8.211 pacientes.