O Ministerio de Sanidade acorda eliminar as corentenas de contactos estreitos en persoas non vacinadas

A ministra Carolina Darias nunha rolda de prensa. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
A Comisión de Saúde Pública, decidiu hoxe a eliminación de corentenas de contactos estreitos por COVID-19, independentemente da súa situación vacinal.

A Comisión de Saúde Pública, decidiu hoxe a eliminación de corentenas de contactos estreitos por Covid-19, independentemente da súa situación vacinal.

Segundo anunciou o Ministerio de Sanidade ao finalizar a reunión, esta medida entrará en vigor a partir do próximo 5 de marzo, é dicir, desde o vindeiro sábado.

En calquera caso, a Comisión recomendou que durante os 10 días posteriores á última exposición os contactos estreitos de casos confirmados "extremen as precaucións e reduzan todo o posíbel as interaccións sociais utilizando de forma constante a máscara e mantendo unha adecuada hixiene de mans".

"Especialmente débese evitar o contacto con persoas vulnerábeis", aclara o Ministerio. Precisamente, respecto diso a Comisión de Saúde Pública tamén acordou emitir a recomendación de "extremar as medidas preventivas dirixidas á protección das persoas máis vulnerábeis".

Estas corentenas xa se eliminaron para as persoas vacinadas hai algúns meses, aínda que Sanidade recomendaba limitar as súas actividades fóra de casa nos 10 días posteriores ao último contacto cun caso confirmado, e insistía no uso "constante" da máscara.

Máis de 90% de vacinados

Así as cousas, con 91,1% da poboación do Estado español maior de 12 anos vacinada, prevese que esta medida beneficie, sobre todo, os menores con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos, uns 3,3 millóns en todo o Estado, con baixas taxas de vacinación aínda.

Para este grupo de poboación, o proceso de inmunización comezou hai só dous meses, o pasado 15 de decembro e, precisamente por iso, e debido a que o intervalo entre a primeira e a segunda dose é de 8 semanas, só 547.702 nenos contan coa pauta completa (o 16,7% dos menores de 12 anos). En canto á primeira dose, segundo o último informe de vacinación, un total de 1.878.352 nenos contan xa con ela (57,1% deste grupo de poboación).