Sánchez pide ás autonomías que non fechen os colexios por Covid-19 sen consultar con Sanidade

Pedro Sánchez presidiu a reunión telemática (Foto: Pool Moncloa / Europa Press)
O presidente do Goberno do Estado entende que, malia que as competencias dependen de cada comunidade ou nazón, pode darse unha mellor coordinación analizando os casos en conxunto. Desta maneira poderíase controlar mellor a expansión dos contaxios. Feixoo demanda un acordo "explícito" para saber como actuar.

O presidente do Executivo do Estado, Pedro Sánchez, demandou aos presidentes das autonomías que non opten por fechar os centros educativos no caso de detectar gromos de coronavirus sen antes consultar a decisión co Ministerio de Sanidade.

Na súa reunión desta sexta feira explicoulles que, malia que teñen competencias neste asunto, no caso de que non haxa unha coordinación podería “extenderse o virus” en vez de pórlle control.

O propio representante estatal recoñeceu que a medida é potestade de cada zona. Sería a medida “máis extrema” sinalaba o ministro de Sanidade, Salvador Illa, a semana pasada ao respecto.

O que sucede é que o ministerio “podería apoiar se hai casos que requiren unha análise un pouco máis profunda”.

Inversión en equipos médicos

O encontro telemático tamén serviu para falar de financiación autonómica, para o que se convocará o Consello de Política Fiscal e Financieira en próximas datas.

Sánchez avanzou, igualmente, que o Goberno que preside destinará 3.700 millóns de euros nos próximos dous anos para mercar material sanitario.  

Malestar de Feixoo polo reparto

Segundo fontes da Xunta consultadas por Europa Press, o presidente Alberto Núñez Feixoo aproveitou a xuntanza de traballo para amosarlle a Sánchez o seu desacordo co reparto dos fondos da Covid para o sistema educativo. Dos 2.000 millóns de euros Galiza levaría unha pequena partida que "non ten en conta custes como o transporte ou os comerdores escolares".

Ademais, respecto á posibilidade de que xurdan gromos nas escolas, exixiu un "acordo explícito que regule como actuar".