Sánchez evita aclarar se haberá baixas remuneradas xerais para coidar ás crianzas en corentena

Sánchez na súa intervención televisiva (Foto: RTVE)
O vicepresidente Pablo Iglesias foi un dos representantes do Goberno do Estado que falaron desa posibilidade, nos casos de nenas e nenos con PCR negativa pero que teñan que permenecer nas casas, a semana pasada. Pedro Sánchez remítese á negociación cos axentes sociais.

O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, evitou confirmar está mañá se finalmente se aprobará a medida para que os pais e nais con crianzas que dean negativo nas probas PCR e teñan que gardar corentena igualmente cobren baixas remuneradas.

O asunto, do que falaron a semana pasada o vicepresidente Pablo Iglesias e varios dos seus ministros, está por aclarar, porque ante a pregunta sobre esa posíbel baixa laboral remunerada Sánchez remitiu ao acordo ao que se chegue entre os axentes sociais.

“O Goberno sempre está aberto ao diálogo cos axentes sociais e iso está sendo obxecto de diálogo con eles”, incidiu nunha entrevista na televisión pública.

No entanto, si falou dalgunhas medidas en curso. “Xa hai accións tomadas”, subliñou, aludindo a que “non só se asimilou ás baixas de incapacidade temporal a aquelas persoas que teñen fillos ou algún familiar como un dependente con algún tipo de contaxio”.

Tamén, afirmou, “aprobouse un plan que permite a flexibilidade laboral até o 100% da xornada para atender as urxencias”.

A escasos días do inicio do curso escolar nos distintos niveis educativos, o presidente estatal defendeu que as nais e pais poden estar tranquilas “sen ningunha dúbidas á hora de enviar ás crianzas ao colexio”.

“Sen que exista risco cero, os nosos fillos e fillas, e mestres e profesionais van ter a garantía de estar en centros seguros”, explicou na súa intervencións. Ademais, destacou que hai en carteira “más de 40.000 profesoras e profesores adicionais” por se fose necesario incrementar a atención.