Namorando, un proxecto local para rachar co mito do amor romántico

[Dina Goldstein**]

O Concello de Pontevedra impulsou con motivo do 25 de Novembro un proxecto de intervención nos institutos públicos da cidade encamiñado a identificar aquelas “crenzas erróneas” e “comportamentos violentos”  no seo das relacións de parella entre a mocidade. 

 

Baixo o lema de 'Namorando, todo comeza cunha elección: a túa felicidade” e da man do Centro de Información das Mulleres (CIM) a Concellaría de Igualdade e Benestar que coordena Carme Fouces quixo acompañar a campaña institucional do Día para a Eliminación da Violencia contra as mulleres desenvolvendo tamén “actividades educativas”. Unha acción combinada que o goberno pontevedrés desenvolve desde hai anos. 

“Cremos que a única solución á violencia machista pasa porque as novas xeracións teñan claros os criterios de igualdade”, apunta en conversa con Sermos Galiza Carme Fouces. “No último ano un estudo a nivel estatal amosou que perto do 70% do profesorado non fala de violencia nen de igualdade nas aulas porque di que non lle corresponde ou non está incluído no seu plan de estudos”. Perante esta realidade desde o executivo local aseguran que “hai que actuar”. Razón pola que puxeron en andamento o proxecto Namorando. 

De maneira conxunta co CIM, através da psicóloga Jone Ojeda e a súa directora Rosa Campos, desenvolveron programa dirixido a 211 estudantes. En 10 intervencións semanais durante un período de 7 semanas o proxecto estudou os “mitos” e “estereotipos” que persisten nas relacións afectivas e de parella entre adolescentes á fin de detectaren comportamentos violentos e roles de xénero machistas. 

O programa desenvolveuse en 11 sesións semanais durante 7 semanas e dirixiuse a 211 estudantes

“Obtivemos un resultado curioso e é que aqueles alumnos e alumnas que non tiveron aínda unha relación afectivo-amorosa detectaron mellor a violencia”, explica Jone Ojeda. Aliás, acrecenta, “vimos que os rapaces teñen máis mitos que ellas e identifican menos os comportamentos violentos que as mozas”. 

Como chegar a estas conclusións? O proxecto Namorando baséase na “análise de contos como Brancaneves” nos que se reflexiona coa mocidade  sobre “o papel da muller e dos homes na maioría das historias que nos contaron” e como estas foron “influíndo na configuración da idea do amor que temos hoxe”, sinalan. 

Ciumes e medias laranxas

A beleza da muller, o número de relacións, a rivalidade entre as mulleres, o concepto da media laranxa ou a idealización do matrimonio son algunhas das cuestións que foron abordadas polo estudantado para decontruír o mito do amor romántico.

O mito do amor romántico componse de crenzas erradas sobre a beleza da muller, o concepto da media laranza ou a idealización do matrimonio

Mais non só os contos de Disney, tamén a música ou filmes dirixidos a un público xuvenil como a trioloxía Crepúsculo serviron para analizar a persistencia de pensamentos “inculcados” que constrúen unha concepción “mitificada” do que é o amor e que, en non poucas ocasións, resulta en “relacións perigosas”, explica Jone Ojeda. 

“A reacción do alumnado foi moi positiva e xerouse moito debate. Algunhas persoas tiñan asumidas certas cuestións vencelladas á súa liberdade mais a medida que fomos avanazando nas sesións detectamos, por exemplo, que a maior parte delas coidaba os ciumes como un símbolo de amor”. 

Neste senso, apunta Ojeda, “imos vendo como hai cousas que mudan mais moi pouco ao pouco” ao tempo que “perviven moitos mitos e comportamentos violentos” que se acrecentan entre as xeracións máis novas através das novas formas de socialización e comunicación xeradas coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). “Son un caldo de cultivo” para a violencia machista, sinala Jone Ojeda, e “un mecanismo para dar continuidade, por exemplo, ao acoso”. 

Nas intervencións desenvolvidas “falamos moito do Whatsapp e da capacidade de control que exerce” o que evidencia, para esta psicóloga, “a importancia de traballar este tema” para rachar con aqueles comportamentos patriarcais e machistas que son o primeiro chanzo da violencia contra as mulleres. 

Impacto da campaña insitucional

Coa mesma premisa o Concello de Pontevedra desenvolveu o 25 de Novembro a campaña institucional contra a violencia de xénero. Unha aposta comunicativa que impactou para alén da cidade do Lérez e que foi deseñada “após o asasinato de Mónica Lorenzo en Barro en agosto de 2014”, explica Carme Fouces. “Foi un proceso moi emocional” no que decidiron, apunta, “sacar algo brutal, unha campaña contundente” na que para a concelleira de Benestar e Igualdade o importante era deixar “a verdade espida” dunha “maneira clara e meridiana”. Sen enredar. 

Insultos como 'burra', 'porca' ou 'puta' focaron a atención de transeúntes e veciñanza nunha das primeiras formas de violencia, moitas veces invisibilizada e sutil mais igualmente perigosa. Un feito que, segundo Fouces, axiña foi comprendido polas mulleres mais que suscitou interrogantes entre a poboación masculina. 

Carme Fouces non dubida en sinalar a cumplicidade de "todos" en cada asasinato machista e advirte da necesidade dunha maior implicación na loita contra todas as formas de violencia exercida contra as mulleres. 

**Ilustración pertencente á serie fotográfica Fallen Princesses da fotógrafa Dina Goldstein