San Sadurniño convértese este sábado na referencia do rural galego

Edición de 2021 da Feira Rural en San Sadurniño. (Foto: Concello de San Sadurniño)
A XIII Feira Rural da vila decorrerá durante todo o día, con exposicións de agroalimentación, zapataría artesá, viveiros ou maquinaria, así como múltiples actividades paralelas.

A leira da Cortiña de San Sadurniño acolle hoxe a partir das 10 da mañá a XIII Feira Rural, impulsada polo Concello e o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal. O evento conta con actividades ao longo de toda a xornada, e procura pór en valor "as potencialidades do campo nun concello totalmente rural", explica en declaracións a Nós Diario o edil de Desenvolvemento Local, Manuel Varela, do Bloque Nacionalista Galego.

Este evento, que define como "consolidado" tras atraer milleiros de persoas en cada edición, naceu da colaboración coa Asociación Casa do Mel de Goente e coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, e está aberto a toda a familia, incide Varela.

Nese sentido, subliñou que amais de amosar a variedade de produtos da vila, con edicións nas que chegaron a expor entre 50 e 60 variedades de mazá e pera, o espazo da feira está situado á beira do río Xubia, onda a Fraga Máxica, na que se atopan as esculturas de madeira do artista e veciño de San Sadurniño Carlos García.

Amais das exposicións de agroalimentación, zapataría artesá, viveiros, maquinaria ou de elementos de segunda man, ás 10.30 comezan as actividades paralelas co concurso de froita autóctona na carpa principal, premiado cuns vales para comprar no comercio local.

Unha vez elixida a mellor froita, haberá unha visita guiada á horta de froiteiras Carlos Fornos, onde se desenvolverán leccións de poda e enxertado, xusto antes de coñecer a colmea didáctica.

Tamén está programada unha exhibición de pastoreo de ovellas con cans e un concurso morfolóxico da raza galega can de Palleiro.

Á hora do vermú e da merenda, o centro colaborativo A Fusquenlla -un ente público no que as produtoras e produtores poden elaborar conservas vexetais e darlle valor engadido á súa produción- ofrece unha cata dos produtos que elabora.

Asemade, a música correrá a cargo dos trobadores Cego de Matamá e Aldariña de Candeán, e no que atinxe á cativada, tanto pola mañá como pola tarde desenvolverase un obradoiro de lambetada feitas con froitas do país.

Até a hora de clausura, fixada ás 20.15, a Asociación Cultural Lembranzas da Ría organiza actuacións en distintos puntos da feira.