San Sadurniño acollerá este domingo a XXVI Feira da Plantación

Unha imaxe da Feira da Plantación celebrada en 2022 (Foto: Concello de San Sadurniño).
O Concello volve organizar o evento no que colaboran Planteles Vivergal e a Deputación da Coruña, ademais dos postos que acudirán á cita con toda a súa oferta.

San Sadurniño volverá vestirse coas cores da primavera o domingo 30 de abril nunha nova edición da Feira da Plantación, o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo. O Concello volve organizar o evento no que colaboran Planteles Vivergal e a Deputación da Coruña, ademais dos postos que acudirán á cita con toda a súa oferta.

A XXVI Feira da Plantación contará principalmente con planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras e demais- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.

O concelleiro de Desenvolvemento e Participación veciñal de San Sadurniño, Manuel Varela, atendeu Nós Diario para tratar a celebración desta vixésimo sexta edición da Feira da Plantación.

“Queremos manter o motivo principal polo que naceu esta feira, que é o amor ás plantas. Cremos que o estamos conseguindo xa que ano tras ano a asistencia é moi importante”, salienta o edil.

Mais non só haberá plantas en San Sadurniño, tamén haberá, segundo Varela, espazo para a animación: “Haberá dous grupos musicais, pandereteiras e pandereteiros e postos para comer”.

Ademais, todas as persoas que asistan á Feira levarán, como agasallo, un unha bolsiña con plantas ornamentais, grazas á colaboración da empresa local Vivergal S.L.

Localización

O edil destaca que esta é a segunda edición da feira que se realizará no “arboreto autóctono da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xuvia e da Fraga Máxica”, unha localizalización “de luxo e ampla para o goce da feira”, segundo Varela.

A xornada comezará ás 11 horas coa apertura dos postos coa venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.

Ao longo da mañá e parte da tarde haberá diferentes obradoiros e demostracións que culminarán ás 20 horas coa clausura da Feira.