Medio Ambiente

Ecoloxistas en Acción leva a mineira de San Finx á ONU por "denuncias abusivas e infundadas"

Ecoloxistas en Acción taponou a vía de saída de verteduras procedentes da mina o pasado 5 de xullo. (Foto: EA)
"Isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de acalarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública", censuran as ambientalistas, logo de que a Cámara Mineira avanzase que emprendería accións xudiciais contra o colectivo após acceder ao interior da súa sede para ofrecer aos directivos auga procedente das proximidades de San Finx e Touro.

O movemento ecoloxista galego leva anos xa alertando dos "danos ambientais" producidos pola explotación mineira de San Finx e a súa "situación ilegal", e desde a empresa promotora, Tungsten San Finx SL, responden a estas denuncias, moitas delas interpostas diante dos organismos xudiciais, coa mesma moeda. Desde Ecoloxistas en Acción lamentan o "uso sistemático de denuncias abusivas e infundadas" por parte de Tungsten, unhas denuncias, aseguran, cun "afán intimidatorio contra as organizacións ecoloxistas e sociais" que se opoñen ao proxecto e advirten da vertedura ás augas próximas de metais pesados, algo que constatou recentemente o Goberno galego por medio de Augas da Galiza.

É por iso que Ecoloxistas vén de trasladar esta "campaña de acoso" por parte da mineira á Relatora Especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos, a irlandesa Mary Lawlor, logo de ser "obxecto dunha nova querela" por parte da empresa, desta volta polo acto simbólico realizado o pasado 5 de xullo, taponando durante breves instantes a tubaxe pola que a compañía "realiza verteduras ilegais". Precisamente a raíz desta protesta e dos escritos remitidos a Augas da Galiza por este colectivo e mais a Plataforma comarcal contra as verteduras, vense de iniciar un procedemento sancionador que podería carrexar unha sanción de até 300.000 euros á empresa, logo de comprobarse que os niveis de cadmio no río a poucos metros do tubo taponado superan 78 veces o máximo legal permitido.

A raíz da "nova denuncia falsa da empresa", que atribúe a Ecoloxistas en Acción un suposto delito de danos, o Xulgado de Instrución Nº 2 de Noia abriu dilixencias, sendo chamado a declarar como investigado o representante da devandita organización. Para as ecoloxistas, "isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de acalarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública", coñecidas como SLAPP en inglés, e que "a Comisión Europea anunciou que perseguiría mediante a nova 'Directiva SLAPP'".

"É a segunda vez en menos dun ano que o grupo australiano presenta unha denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción, que xa fora denunciada en 2022 ante o Xulgado de Negreira baixo un pretexto similar, meses antes de que a Xunta declarase a caducidade das concesións mineiras e de que se iniciase un procedemento sancionador por verteduras ilegais contra a mina de Santa Comba", lembran, sobre unha querela que o Xulgado "arquivou a demanda de inmediato por carecer de fundamento".

Malia que desde a organización ecoloxista confían que o resultado desta volta "será idéntico", decidiron denunciar o caso ante a Relatora Especial da ONU por tratarse dun "uso sistemático do acoso xudicial tentando criminalizar e coartar os movementos sociais para que non denuncien as ilegalidades cometidas polas empresas". As ecoloxistas confían en que Lawlor, que vén denunciando este tipo de prácticas en todo o mundo, se dirixa ás autoridades xudiciais españolas para tomar medidas contra a empresa. Con todo, advirten que "ningún tipo de acción xudicial ou ameazas doutro tipo fará que [Ecoloxistas en Acción] cese no seu traballo de denuncia das ilegalidades da mina de San Finx".

A empresa titular de San Finx xa denunciara en 2017 outras dúas organizacións ecoloxistas ante os Xulgados de Noia en situacións similares. Verdegaia fora denunciada por tomar unhas fotografías "de obras ilegais" que derivaron nun procedemento sancionador de Augas da Galiza, no que a empresa "foi sancionada cunha multa de varios miles de euros e a obriga de botar abaixo as obras ilegais". No caso de Adega, a denuncia fora por tomar mostras de auga "que logo de analizadas demostraron o grao de contaminación con metais pesados". En ambos os dous casos, a Fiscalía pediu o arquivo das actuacións por tratarse de "denuncias infundadas".

E hai poucos días, a propia Cámara Oficial Mineira da Galiza, que representa o sector, anunciaba que tamén iniciaría accións xudiciais contra Ecoloxistas en Acción, logo de cualificar como "asalto violento á súa sede" e "intimidación ás traballadoras" o que para o colectivo ambientalista foi un "acto pacífico de entrega de mostras de auga contaminada das minas de Touro e San Finx", organizado logo de que a corporación mineira afirmara publicamente "que as verteduras eran inocuas".