San Finx contamina a auga con metais pesados perigosos

Augas do rego de San Finx ao seu paso pola mina. (Foto: Plataforma contra a mina de San Finx).
Augas da Galiza abre expediente á empresa mineira por incumprimento das condicións de vertido.

A plataforma de afectados pola mina de San Finx deu a coñecer onte os resultados das analíticas realizadas na zona por Augas da Galiza. Segundo esta entidade, o estudo das mostras recollidas o pasado 11 de agosto augas abaixo das balsas da mina, en Lousame, evidencia niveis de cadmio "78 veces máis altos" que os valores permitidos no Rego do Espiño, coñecido tamén como río ou rego de San Finx.

A plataforma comarcal contra as verteduras da mina advirte do risco potencial do cadmio, unha "sustancia perigosa prioritaria e canceríxena" que multiplica por moito os límites permitidos. E destaca, ademais deste elemento, os rexistros doutros metais pesados como o cobre e o cinc, que superan en "48 e 8 veces", respectivamente, os valores máximos autorizados.

Expediente sancionador

Tras a denuncia pública da veciñanza de Noia e o seu chamamento á Xunta da Galiza para que iniciase os "correspondentes expedientes sancionadores por verteduras ilegais" e retirase á empresa mineira a autorización de vertidos "concedida ilegalmente no pasado mes de febreiro", Augas da Galiza abriu un expediente á empresa mineira de San Finx polo incumprimento dos parámetros de vertido. 

Nun comunicado, a Xunta confirma a detección de valores superiores aos permitidos en cadmio, cobre e zinc, polo que iniciou o correspondente expediente sancionador no marco da autorización concedida á empresa para que execute unha planta depuradora que trate adecuadamente esas augas e que a plataforma comarcal tamén censura.

Avaliación ambiental

Para Liliana Solís, asistenta técnica da confraría de Noia e licendida en Bioloxía, os resultados destas análises poñen de manifesto que "San Finx é unha fonte de contaminación de metais perigosos prioritarios".

Segundo explica a Nós Diario, a mina é unha montaña chea de galerías que drenan o excedente de auga ao rego de San Finx. Os entullos da mina están situadas nas ladeiras do rego. Máis abaixo, sobre a canle do río, as balsas de decantación. E no mesmo curso, a seguir, un depósito de residuos mineiros. "Hai unha presa moi antiga que fai de tope para todos os áridos da explotación mineira e que o río atravesa. Aí xa se ve que está afectado, pero o que demostran as analíticas é que a 1,5 quilómetros as augas baixan contaminadas por metais pesados procedentes da mina".

A experta fala de metais pesados perigos para o medio ambiente e para a saúde humana, polo que urxe "que se faga unha avaliación de impacto ambiental desa explotación, que non existe malia que a exixe a lei. Hai unha autorización puntual dun vertido pero non hai unha avaliación dos efectos, que é o que se está demandando", conclúe Solís.

Produción de marisco

A tan só sete quilómetros de onde se recolleron as mostras analizadas, mina abaixo, está un dos bancos de marisco máis importantes da Galiza. "Os moluscos bivalvos están sometidos a controis continuos, tamén de contaminación química, xa que polo tipo de alimentación que teñen, filtrando a diario litros e litros de auga e retendo o fitoplancto, bioacumulan contaminantes de moitos tipos: microbiolóxicos, pero tamén hidrocarburos, pesticidas ou metais pesados.

"San Finx é unha fonte de contaminación de metais pesados que non está cumprindo a lexislación", recalca a bióloga, e isto pode acabar prexudicando  a comercialización e mesmo á produción dos bivalvos, xa que "o cadmio tamén afecta o seu sistema inmune" e fainos máis vulnerábeis.