Probas de ADN "implican directamente" a dous dos seis detidos polo crime de Samuel Luiz

Altar creado na honra do mozo Samuel Luiz. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O delegado do Goberno na Galiza informou de que a investigación policial conta con 36 testemuñas e detallou que a agresión durou "seis minutos fatais".

A Policía Xudicial entregou á titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña senllos informes de ADN "que implican directamente a dous dos principais autores" do crime de Samuel Luiz, ocorrido na madrugada do 3 de xullo no transcurso dunha malleira que se estendeu durante "seis minutos fatais" entre as 2.58 e as 3.04 horas.

Así o confirmou o delegado do Goberno na Galiza, José Miñones. Nunha comparecencia xunto ao xefe superior de Policía da Galiza, José Luis Balseiro, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o comisario xefe da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Xefatura Superior, Pedro Agudo, confirmou que se atoparon perfís de ADN de dous dos tres mozos que se atopan en prisión provisional, comunicada e sen fianza.

"Polo menos en dous coinciden os perfís", dixo en referencia aos dous primeiros que agrediron a Samuel e que se converteron, tamén, nos primeiros detidos tras "unha agresión continuada, en 150 metros", expuxo Miñones sobre os feitos ocorridos no paseo marítimo da Coruña, na zona de Riazor.

O comisario Pedro Agudo confirmou que se atoparon perfís de ADN tras "a análise do propio corpo de Samuel, da roupa do falecido e a botella de cristal" que, segundo dixo, se usou tamén para agredir a Samuel.

Fin ao segredo de sumario

Os detalles do caso de Samul Luiz coinciden coa decisión da titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña de levantar o segredo do sumario do crime.

A medida impedía ás partes do caso acceder ao contido das dilixencias de investigación practicadas até o momento, que agora poderán coñecer.

Na actualidade hai tres mozos en prisión provisional, comunicada e sen fianza pola malleira que lle custou a vida ao mozo hai un mes e que desencadeou unha vaga de protestas contra a homofobia, despois de que unha amiga de Samuel, testemuña da agresión, denunciase que foi golpeado e insultado ao mesmo tempo, ao berro de "maricón" e "maricón de merda".

Ademais, dous rapaces que non alcanzan a maioría de idade -uno deles con antecedentes penais- ingresaron nun centro de menores. Unha sexta detida, unha muller, quedou en liberdade, suxeita a comparecencias regulares no xulgado.

José Miñoñes confirmou, ademais que a investigación policial, aínda aberta, á espera de confirmar se houbo delito de odio, conta con 36 testemuñas e que as persoas detidas serán acusadas dun delito de homicidio consumado e doutro en grao de tentativa contra o mozo senegalés que trataou de defender e protexer a Samuel.