Samos, axente vertebrador do territorio na Galiza e no Bierzo

O mosteiro de Samos, da orde dos beneditinos, foi fundado no século VI (Foto: Nós Diario).
Desde a súa fundación, o mosteiro de Samos (comarca de Sarria) tivo un forte impacto na contorna. Con todo, a formación da paisaxe socalcada que o rodea iniciouse na Idade de Ferro, moito antes da súa creación. É unha das principais conclusións dun estudo interdisciplinar participado por investigadores  da USC, CSIC, UdC e das universidades de Newcastle e St. Andrews.

Ao longo da historia os mosteiros foron importantes centros de poder. O seu período de esplendor coincide coa Idade Media, momento no que se observan importantes cambios ambientais e económicos. "En Europa e moi especialmente na Galiza, observamos unha importante deforestación. Ábrese moitos espazos que antes eran bosque para cultivar, aparecen novos cultivos, introdúcense novas especies de plantas, constrúense muíños, pesqueiras". 

José Carlos Sánchez Pardo é profesor de Arqueoloxía da USC. "Como na Galiza había moitos pequenos mosteiros, decidimos estudar a relación que había entre a súa fundación e o cambio da paisaxe, con mudanzas que chegan até os nosos días". Escolleron para a súa investigación un mosteiro "que coñeciamos ben".

O de Samos conta con numerosas fontes documentais que combinaron coa arqueoloxía, técnicas de paleoambiente e de luminescencia. "Escavamos terrazas agrarias, para coñecer a arqueoloxía da zona do mosteiro, analizamos o pole e datamos mediante técnicas de luminescencia os sedimentos, para ver cando se forman eses espazos de cultivo".

Pegadas na paisaxe

O equipo investigador apunta un forte impacto do mosteiro de Samos na súa contorna, "sobre todo nas épocas máis recentes". Os períodos baixomedieval e moderno representan os momentos  de maior actividade na reconfiguración da paisaxe socalcada, afirma, o que pon de manifesto a relevancia do mosteiro como axente de ordenación do territorio. "Arredor do ano 1600 erguéronse numerosas terrazas e bancais para o cultivo agrario, con muros de até dous metros. Iso fala dun grande esforzo construtivo, pero ademais modifican a ladeira para evitar humidades e perto da capela do ciprés observamos como aproveitan para construír unha rede de canles".

O século XVII rexistra un dos cambios físicos máis intensos na paisaxe, ligado a mudanzas na xestión dos recursos, "pero xa antes observamos pequenas pegadas", aclara Sánchez Pardo. "No século XIII, na Idade Media, e tamén no século VIII, co mosteiro acabado de fundar.

Pero resultan aínda mais interesantes e orixinais as marcas duns espazos de cultivo da idade de ferro, moi anteriores á creación do mosteiro, na idade castrexa, no século IV a.C. Xa entón a xente estaba creando terrazas e cultivando o contorno", explotando unha sorte de mosaico composto por campos de cereal, pastos e formacións boscosas de carballo e castiñeiro.

Un poder crecente

Non hai dúbida do impacto nin da influencia do mosteiro de Samos no territorio. No máis próximo, "hai 400 anos", pero tamén no máis afastado. Neste sentido, afirma o profesor da USC, o estudo de documentos medievais permitiulles confirmar "o que xa intuíamos, que desde a súa creación o mosteiro foi crecendo, adquirindo terras e bens na contorna inmediata pero tamén na Ribeira Sacra, no Deza, en Sarria, no Páramo; alcanzando un poder moi importante na articulación do territorio pero tamén no control da xente do lugar".