A reclamación BIC para a Cova de Eirós chama outra vez ás portas da Xunta

A deputación de Lugo aproba por unanimidade solicitar o maior grao de protección legal para este lugar, perante a posíbel ampliación dunha canteira de pedra calcaria nas inmediacións. Súmase á petición das asociacións Adega e O Iribio, que elevaron a solicitude á Dirección xeral de patrimonio en 2009 e en maio deste ano, sen recibiren resposta

A Cova de Eirós vén de dar máis un paso cara a súa declaración BIC --Ben de Interese Cultural--. A deputación de Lugo aprobou de maneira unánime unha moción do BNG para solicitar tal protección perante a Xunta, facéndose eco a formación frontista dunha vella demanda da organización ecoloxista Adega e da asociación sociocultural O Iribio. Procuran ambos os colectivos o máximo amparo patrimonial que contempla a lei para este xacemento paleolítico, ante

 a posíbel ampliación da explotación de pedra calcaria cuxa concesión chega á vertical da entrada á gruta.

Así as cousas, a de Triacastela, situada no Monte Penedo da serra do Iribio, sería a primeira cova da Galiza catalogada BIC se o goberno escoita a reclamación. Adega e O Iribio piden protección desde xullo de 2009. A última chamada á porta da Dirección xeral de patrimonio cultural foi en maio deste ano. Até o de agora non houbo resposta. Apuntan ambas as organizacións que no seu interior a caverna garda "un valioso patrimonio arqueolóxico, con restos de flora e fauna do cuartenario".

As pegadas de oso cavernario demostran que tal especie estivo alí, deixando constancia de que é a Galiza "o hábitat máis occidental onde morou esta especie do Pleistoceno", na liña das investigacións d@s doutor@s Aurora Grandal e Xoán Ramón Vidal Romaní, da Universidade da Coruña. Achouse tamén material lítico adscrito ao paleolítico medio, superior e ao período d@s neandertais "até agora inédito" no noso país. Nas escavacións localizouse, así mesmo, un colar de 26.000 anos, e unha agulla de coser que fai ver "unha serie de habilidades para a construción de roupa de protección para o duro clima" que daquela había no territorio, máis frío do que hoxe. A Cova de Eirós fica situada nas proximidades do Camiño de Santiago.