Salvemos Cabana denuncia o impacto do parque eólico Monte Chan sobre os Penedos de Pasarela e Traba

Contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Foto: Roteiros Galegos).
A contorna dos Penedos de Pasarela e Traba está declarada como paisaxe protexida por decreto do ano 2008.

A plataforma Salvemos Cabana denunciou este domingo, 15 de xaneiro, que catro dos dez aeroxeradores -de 200 metros de altura en punta de pa- do parque eólico Monte Chan, proxectado pola multinacional EDP Renovábeis entre as localidades de Laxe, Vimianzo e Camariñas, terán “un alto impacto visual desde a Torre da Moa, que con 274 metros é o punto culminante deste singular macizo granítico”.

Esta situación "provocaría un dano irreparábel na zona dos Penedos de Pasarela e Traba, lugar amparado polo Decreto 294/2008 -que o declara como paisaxe protexida-, pois se ben os aeroxeradores non invaden de facto os terreos da área protexida si condicionan a visibilidade da súa contorna inmediata, o que deixa en papel mollado o estipulado no Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000)”, denuncia Salvemos Cabana.

Incidencia negativa sobre a Rede Natura

Por outra parte, este parque eólico está integrado no denominado Complexo eólico Costa da Morte, que con 35 aeroxeradores de gran porte a as súas infraestruturas asociadas “converterán, de ser aprobados, a esta parte do noroeste galego nun mar de turbinas eólicas e redes de alta tensión”, denuncia o colectivo.

Este desenvolvemento eólico, sinala Salvemos Cabana, “imposibilitaría na práctica a ampliación da Rede Natura demandada polas autoridades europeas, coa Galiza no vagón de cola en canto a superficie protexida”.

De feito, explican, “a Galiza só conta con 12% de territorio baixo a protección da Rede Natura 2000, o que supón aproximadamente a metade da porcentaxe a nivel estatal e case catro veces menos que outros territorios como Canarias (42,4%), Madrid (39,9%), A Rioxa (33,2%) ou Estremadura (30,2%)”.

Abertas as alegación até o 27 de xaneiro

Así as cousas, Salvemos Cabana habilitou unha ligazón para que a cidadanía pida acceder á documentación do proxecto do parque eólico Monte Chan. Así mesmo, adianta o colectivo, as alegacións públicas xerais preparadas pola asociación estarán dispoñíbeis para o seu envío á Administración a partir da segunda feira 23 de xaneiro na mesma ligazón. O prazo de entrega finaliza o próximo día 27 de xaneiro.